Escola Diocesana de Música Litúrxica

A Escola Diocesana de Música Litúrxica xorde co propósito de ofrecer unha formación accesible e ao servizo da vida pastoral da Arquidiocese de Santiago de Compostela. A través do Instituto Superior Compostelán de Ciencias Relixiosa (ISCCR) ofrécese un espazo de formación para numerosos destinatarios: salmistas, responsables de canto, directores de coro, coristas, instrumentistas e todas aquelas persoas que desexen afondar nesta materia.

Nun contexto onde moitas persoas colaboran activamente nas celebracións, faise necesaria unha preparación que axude a comprender mellor o sentido da liturxia e o valor da música como parte esencial da oración da Igrexa. Esta formación tamén pode ser un estímulo para coñecer a importancia da música litúrxica, o canto gregoriano, a polifonía, o canto popular, o uso do órgano e outros instrumentos, etc.

Este primeiro ano, a proposta académica organízase cun curso básico e unha especialidade. Con iso, a Escola quere contribuír a formar persoas capaces de coidar e embelecer a celebración, fortalecendo así a vida de fe e a comuñón das nosas comunidades.

Curso básico de música liturxia
Especialidade de órgano

Tras a finalización do Curso Básico de Música Litúrxica o alumno obterá un certificado de asistencia e aproveitamento, asinado polo director do ISCCR e o coordinador do Curso. Así mesmo, os alumnos da especialidade de órgano que superen os obxectivos marcados ao comezo de curso tamén recibirán un certificado de asistencia e aproveitamento.

CURSO BÁSICO DE MÚSICA LITÚRXICA

OBXECTIVOS

O Curso Básico de Música Litúrxica quere ser un espazo de encontro e formación litúrxico-musical básico para todas aquelas persoas que o desexen, pero, especialmente, as que desempeñan algún labor de animación nas súas comunidades: membros de coros, músicos, directores, salmistas e todos aqueles amantes da música e da liturxia para que poidan:

Afondar na esencia da música litúrxica.
Capacitar para unha axeitada selección do repertorio.
Preparar axentes musicais para as celebracións litúrxicas.
Integrar tradición e práctica parroquial.
Mellorar a calidade celebrativa das comunidades.

CONTIDO

2026

21 de outubro – Que é a música litúrxica?

18 de novembro – Normativa de música litúrxica

16 de decembro – Selección de repertorios

2027

20 de xaneiro – O canto gregoriano hoxe

17 de febreiro – Cantar a Misa ou cantar na Misa?

17 de marzo – A música nos sacramentos e sacramentais

21 de abril – O canto do Salmo responsorial

19 de maio – O coro e a asemblea

16 de xuño – O órgano e outros instrumentos

METODOLOXÍA

A parte das clases maxistrais, tamén práctica de canto, lectura e interpretación de partituras, rudimentos básicos para a dirección, obradoiro, audicións, participación nalgunha celebración diocesana na Catedral.

Coordinador: Oscar Valado Domínguez

Director do Departamento Diocesano de Música Sacra

Duración: De outubro a xuño (9 sesións, 1 ao mes)

Horario: 20:00 a 21:30h.

Lugar: Instituto Superior Compostelán de Ciencias Relixiosas (presencial / en liña)

Custo: Curso Básico de Música Litúrxica: 90 € / ano.

Para alumnos da especialidade de órgano: 50 € / ano

Contacto: musicasacra@archicompostela.org

 

  1. ESPECIALIDADE DE ÓRGANO

OBXECTIVOS

A Especialidade de órgano é a primeira que ofrece a Escola Diocesana de Música Litúrxica e pretende:

  • Formar organistas capacitados para o servizo litúrxico.
  • Mellorar progresivamente a calidade musical das celebracións.
  • Ofrecer un itinerario formativo con identidade diocesana.
  • Favorecer o coidado e dinamización do patrimonio organístico.
  • Crear, a medio prazo, unha rede de colaboración entre organistas da Arquidiocese.

Para matricularse nesta especialidade é necesario ter coñecementos básicos de música.

CONTIDO

  1. Técnica e repertorio
  2. Acompañamento litúrxico
  3. Improvisación aplicada
  4. Recursos prácticos celebrativos

METODOLOXÍA

Clases individuais con cada alumno no órgano Rieger-Kloss da Capela do Seminario Maior Interdiocesano Apóstolo Santiago; así como noutros órganos da cidade por determinar.

Coordinador: Adrián Regueiro

Organista da Catedral de Santiago

Duración: Desde setembro a xuño – 2 sesións individuais ao mes

Horario: A concretar co profesor

Custo: Clases individuais: 80 € / mes.

Contacto: adrian.regueiro@icloud.com

Para formalizar a matrícula só é necesario cubrir o formulario que adxunto e remitilo á secretaría do Instituto Superior Compostelán de Ciencias Relixiosas: secretariocr@itcdesantiago.org axuntando o xustificante de pago no que se indique NOME, APELIDO E CONCEPTO (Curso de música).

O prazo de inscrición prolongarase ata o 30 de setembro ou ata que se esgoten as prazas.

Matrícula. Escuela diocesana de Música Litúrgica

Previous articleMonseñor Francisco José Prieto preside a celebración do Corpus na parroquia de Mondego
Next articleFesta da Nosa Señora dos Remedios en Forcarei