O Consello Diocesano de Pastoral avanza na elaboración do novo Plan Pastoral Diocesano 2026-2029

  • O Consello Diocesano  reuniuse en San Martiño Pinario co arcebispo, vigairos, delegados, relixiosos e laicos para continuar o proceso de elaboración do Plan Pastoral.
  • Organizáronse os detalles da Asemblea Diocesana onde se presentarán oficialmente os obxectivos do Plan Pastoral 2026-2029, co lema “Saíu o Sementador a sementar a semente”.
Hoxe sábado, 18 de outubro, celebrouse na sala Palatino da Hospedería de San Martiño Pinario a reunión plenaria do Consello Diocesano de Pastoral, convocada para continuar os traballos de elaboración do novo Plan Pastoral Diocesano 2026-2029 e para a preparación final para a Asemblea Diocesana do 15 de novembro co lema “Saíu o Sementador a sementar a semente”.

A sesión estivo presidida polo arcebispo de Santiago, monseñor Francisco José Prieto Fernández, e reuniu a todos os membros do Consello: vigairos, representantes de arciprestados, delegacións, movementos, congregacións relixiosas e laicos.
A xornada comezou ás 10:30 horas cun momento de acollida e unha oración inicial que deu paso ao traballo sobre o borrador final do Plan Pastoral. A reflexión foi moderada polo vigairo de pastoral, Javier Porro Martínez, e por Fátima Noya Varela, quen guiou as intervencións e recolleron as achegas dos distintos sectores eclesiais.
O texto debatido constitúe a cuarta versión do documento, froito dun prolongado proceso de reflexión, escoita e discernimento comunitario desenvolvido ao longo dos últimos meses.

Nesta nova redacción reducíronse os obxectivos específicos de sete a tres, buscando maior claridade, realismo e operatividade na aplicación das propostas. Estes tres obxectivos céntranse en acoller as orientacións do Sínodo dos Bispos e do Sínodo Diocesano, asumir o novo Directorio de Iniciación Cristiá e fomentar a creación das Unidades Pastorais (UPAs).

Durante o diálogo, os membros do Consello coincidiron en que o Plan Pastoral non debe entenderse como un texto pechado, senón como unha base dinámica e aberta, susceptible de enriquecerse coas contribucións das comunidades parroquiais, movementos e delegacións. Desde a Comisión Permanente destacouse ademais que o documento é un reflexo dun proceso vivo que impulsa unha nova forma de concibir a pastoral diocesana: máis corresponsable, participativa e sinodal.

No momento central do encontro, o arcebispo de Santiago, monseñor Francisco José Prieto Fernández, ofreceu unha profunda reflexión sobre o sentido e a finalidade do novo Plan Pastoral Diocesano, subliñando que este “non debe entenderse unicamente como unha programación ou un proxecto, senón como unha expresión do ser mesmo da Igrexa”. Nas súas palabras, o documento constitúe “unha chamada para ser”, unha invitación para vivir o Evanxeo con autenticidade e compromiso.

Inspirándose na parábola do sementador, monseñor Prieto animou aos presentes para centrar a mirada na misión evanxelizadora máis que nos resultados inmediatos: “Non saímos a cultivar, senón a sementar, mesmo cando o terreo parece difícil”.

O prelado compostelán exhortou a toda a comunidade diocesana a mirarse no espello do Evanxeo e non no propio, subliñando que o Evanxeo nos pide máis: “pídenos crer e vivir o que somos”. Neste sentido, destacou que a Igrexa está chamada a saír de si mesma, a sementar con xenerosidade, esperanza e confianza na acción do Espírito.

Finalmente, monseñor Prieto enmarcou este proceso no contexto do camiño sinodal que vive a Igrexa universal, lembrando que a sinodalidade veu para quedar. Neste horizonte de comuñón, participación e misión, afirmou que “a semente do Plan Pastoral non é só un texto, senón o reflexo do Evanxeo mesmo, que nos impulsa a saír, a servir e a sementar”.

Tras o descanso de media mañá, a sesión proseguiu coa preparación da próxima Asemblea Diocesana de Pastoral, que se celebrará o 15 de novembro, sábado posterior ao Día da Igrexa Diocesana. Neste encontro presentaranse oficialmente os obxectivos e liñas fundamentais do novo Plan Pastoral Diocesano 2026-2029, concibido como unha folla de roteiro común para toda a comunidade diocesana.

Á Asemblea están convocados os vigairos, delegados, responsables de departamentos, membros dos consellos Diocesano, Presbiteral e de Consultores, así como os arciprestes, vicearciprestes e secretarios de arciprestados. Tamén participarán representantes laicos de parroquias e Unidades Pastorais (UPAs), xunto con membros de comunidades relixiosas, movementos eclesiais e asociacións laicales.

Para asegurar unha representación equilibrada e participativa de todos os sectores da diocese, recomendouse que as inscricións se canalicen a través dos arciprestados, favorecendo así unha preparación conxunta e coordinada deste importante acontecemento eclesial.

Como preparación espiritual para a Asemblea, propúxose a organización de vixilias de oración interparroquiais nos días previos, baixo o lema: “Abrirnos ao don do Espírito Santo para renovar o noso encontro con Xesucristo e construír unha Igrexa misioneira, samaritana, sinodal e en saída”.

A reunión concluíu cara ás 14:30 horas cunha quenda de suxestións, rogos e preguntas, seguido dun xantar fraterno. O ambiente final reflectiu a esperanza e o compromiso compartido de toda a diocese por seguir avanzando, con espírito de comuñón e corresponsabilidade, na construción dunha Igrexa viva, aberta e en saída.

 

Previous articleEucaristía de Inicio Diocesano da Catequese, en directo por TVG
Next articleO arcebispo de Santiago chama a renovar a vocación misioneira con esperanza no Domund 2025