Con motivo do Día Internacional das Persoas con Discapacidade, que se celebra o 3 de decembro, o arcebispo de Santiago de Compostela, Mons. Francisco José Prieto Fernández, fixo público unha mensaxe na que invita a “achegar a mirada” ás persoas con discapacidade, inspirándose no lema da xornada deste ano.
Na súa reflexión, o prelado sinala que esta mirada apréndese no encontro e na escoita, cando as persoas se achegan unhas ás outras para compartir a súa experiencia e as súas necesidades. Ás portas do Ano Santo Compostelán 2027, lembra que é necesario mirar ás persoas con discapacidade “cos ollos de Cristo”, descubrindo en cada unha delas unha historia, uns dons e unha maneira propia de vivir a fe.
Tomando como referencia a pasaxe evanxélica de Bartimeo, o cego de Xericó, o arcebispo destaca a importancia de escoitar antes de decidir polos demais. «Que queres que faga por ti?», lembra que preguntou Xesús, subliñando que tamén hoxe é preciso aprender a escoitar sen dar por suposto o que necesita cada persoa.
Na súa mensaxe, Mons. Francisco José Prieto Fernández pon en valor que toda persoa posúe unha dignidade que ningunha discapacidade pode diminuír. Así mesmo, afirma que as persoas con discapacidade son «membros vivos e activos do Pobo de Deus» e destaca que a súa oración, as súas preguntas e o seu testemuño enriquecen a vida da Igrexa. Por iso, invita a contar coa súa voz na catequese, nas celebracións e no discernimento da vida parroquial.
O arcebispo relaciona esta reflexión co novo itinerario de iniciación cristiá para nenos e adolescentes bautizados na infancia. Neste contexto, subliña a necesidade de ofrecer un acompañamento adaptado á realidade, ás capacidades e ás circunstancias de cada persoa, lembrando que «a fe que recibimos é a mesma, pero cada persoa necesita ser acompañada segundo a súa realidade».
A segunda parte da mensaxe pon o acento na accesibilidade e na participación. Utilizando a imaxe da peregrinación a Santiago, o prelado lembra que todos camiñan cara a unha mesma meta, aínda que o fagan a ritmos diferentes e necesiten apoios distintos. Por iso, anima a revisar se os templos son accesibles, se a comunicación resulta comprensible e se existen oportunidades reais para que todas as persoas poidan asumir responsabilidades dentro da comunidade.
Así mesmo, pide que esta análise se realice contando coas propias persoas con discapacidade e coas súas familias, convencido de que a súa experiencia axuda a identificar barreiras que a miúdo pasan desapercibidas.
A mensaxe conclúe cun recoñecemento expreso á Comisión Diocesana de Catequese DisFeRente, así como a todas as persoas que dedican tempo, formación e creatividade a favorecer a participación plena das persoas con discapacidade nas comunidades cristiás. Tamén agradece de maneira especial ás familias a súa dedicación diaria e afirma que a Igrexa ten «moito que aprender» da forma en que estas persoas expresan e transmiten a fe.
Finalmente, o arcebispo exhorta ás comunidades a deterse ante os demais como fixo Xesús con Bartimeo, fomentando espazos de escoita e participación que permitan camiñar xuntos cara ao Ano Santo Compostelán «como irmáns que se recoñecen, se necesitan e se axudan a seguir a Cristo».
Mensaxe Xornada das Persoas con Discapacidade (3 decembro 2026)












