- Un segundo encontro para afondar nos retos sociais e lexislativos da IA
- Café, diálogo e reflexión entre investigadores y representantes do ámbito eclesial
- Continuidade a unha iniciativa que tende pontes entre fe, ciencia e ética
Hoxe luns, 26 de xaneiro de 2026, entre as 9:15 e as 10:45 horas, tivo lugar na sede do Arcebispado de Santiago de Compostela, un novo encontro que reuniu a teólogos, investigadores e especialistas para reflexionar sobre os desafíos actuais da intelixencia artificial.
A xornada iniciouse cunhas palabras de benvida do arcebispo, mons. Francisco José Prieto Fernández. A continuación, Senén Barro ofreceu unha exposición inicial que situou os eixos principais de reflexión. Posteriormente, tomou a palabra Ángel Carracedo, antes de abrirse un espazo de participación que deu lugar a un debate plural, enriquecedor e cheo de intercambios de ideas.
Un segundo encontro para afondar nos retos sociais e lexislativos da IA
Este segundo Almorzo deu continuidade ao celebrado en xuño de 2025, centrado entón na ética e a intelixencia artificial. Naquel primeiro encontro reflexionouse sobre a necesidade dunha ética para un mundo compartido con máquinas, o aliñamento ético dos sistemas de IA coas persoas etc. Tamén se analizaron riscos asociados ao avance da IA, como o desemprego tecnolóxico, o aumento das desigualdades e a delegación cognitiva.
Nesta ocasión, o diálogo orientouse cara ao desigual desenvolvemento lexislativo da intelixencia artificial no mundo, o crecente impacto da súa aplicación no ámbito científico e diversas reflexións ao redor da relación entre intelixencia artificial e verdade, cuestións que suscitaron un intercambio de miradas desde perspectivas científicas, éticas e sociais.

Café, diálogo e reflexión entre investigadores e representantes do ámbito eclesial
O formato do encontro combinou exposicións breves e amplos espazos de conversación, co obxectivo de favorecer un diálogo próximo e rigoroso. Entre as persoas asistentes figuraron Alberto Bugarín, Marcos Almeida, Manuel Lama Penín, Luis Míguez, Isabel Neira Gómez, José María Alonso, Javier de Donato, Nelly Condori, Martín Pereira, Alejandro Catalá, Alejandro Sobrino, María Brión, Bea Sobrino e Fernando Barros, así como os teólogos Ricardo Sanjurjo, Alfonso Novo, José Antonio Castro Lodeiro e Carlos Miramontes.
O ambiente distendido do almorzo serviu como marco para un intercambio aberto de ideas, no que se abordaron os desafíos actuais dunha tecnoloxía en rápida expansión.
Continuidade a unha iniciativa que tende pontes entre fe, ciencia e ética
Este segundo Almorzo inscríbese nunha liña de encontros impulsada desde o Arcebispado, en coordinación con investigadores do ámbito universitario e representantes do Instituto Teolóxico Compostelán, coa finalidade de fomentar o diálogo entre fe e ciencia, razón e espiritualidade.
Como xa ocorrese no encontro anterior, non se tratou de buscar respostas pechadas, senón de abrir espazos de reflexión compartida ao redor dos avances, os riscos e os interrogantes éticos da intelixencia artificial, consolidando un foro de pensamento e conversación sobre algúns dos grandes desafíos do noso tempo.