Con motivo do DÍA DO SEMINARIO nesta fin de semana, na tarde do venres 14 de marzo, os seminaristas de Santiago visitaron O Grove. Ás 5:15 da tarde chegaron á illa da Toxa, onde tras un café e coloquio co párroco de San Vicente de Vos Groves, visitaron a Capela das Cunchas.
Despois dun pequeno paseo e ás 7:00 da tarde, na igrexa parroquial de San Vicente, tivo lugar a eucaristía cos nenos e familias da catequese desta parroquia, na que os seminaristas participaron co canto e a liturxia.
Finalizada a Santa Misa houbo unha catequese e charla sobre a realidade do seminario na que os nenos lles fixeron varias preguntas aos seminaristas. Algunha delas fixo rir a todos os presentes pola sinxeleza e espontaneidade que caracteriza aos máis pequenos. Falouse das vocacións sacerdotais e de como podemos axudar ao noso seminario “rezando moito por eles”.
Terminado este encontro cos nenos e as súas familias dirixímonos a coñecer a casa reitoral, coñecida tamén como Centro Pastoral TRASLATIO, que cada verán acolle a mozos de parroquia e movementos católicos de toda a xeografía española.
Despois da visita, dirixímonos a un lugar próximo para celebrar unha cea frugal propia dun venres de coresma, onde houbo un ambiente de fraternidade e alegría.
Recemos polo noso Seminario Interdiocesano, polos mozos que alí se preparan e o equipo que os acompaña, para que a luz do Señor transfigurado ilumine as súas vidas e corazóns nesta etapa de formación ao ministerio presbiteral.
Juan Ventura Martínez Reboeiras