Un proxecto educativo pioneiro une a estudantes de Bacharelato e persoas privadas de liberdade nunha experiencia transformadora de convivencia e aprendizaxe.
Durante sete meses, compartiron receitas, barrios e reflexións para tender pontes entre realidades moi distintas.
A iniciativa, impulsada por Cáritas Diocesana, Pastoral Penitenciaria, o Colexio Santa María do Mar e o CIS, rompe estigmas e fortalece valores como a empatía, a solidariedade e o compromiso social.
Nunha aula sen pupitres e coas emocións como materia principal, un grupo de mozos de 1º de Bacharelato do Colexio Santa María del Mar e persoas privadas de liberdade do Centro de Inserción Social (CIS) Carmela Díaz de Rábago protagonizaron, durante o últimos sete meses, unha experiencia educativa sen precedentes en España. Unha iniciativa pioneira que logrou o que moitas veces parece inalcanzable: romper prexuízos, tender pontes e construír humanidade.
O proxecto, impulsado por Cáritas Diocesana de Santiago, Pastoral Penal e o propio CIS da Coruña, ofreceu a estudantes de 16 e 17 anos a oportunidade de compartir tempo, actividades e aprendizaxes con persoas que cumpren condena en réxime aberto. Xuntos, cociñaron, percorrido barrios, creado unha exposición fotográfica e, sobre todo, escoitáronse e recoñecido como iguais.
Cociña, barrios e poesía: o camiño do encontro
A primeira toma de contacto chegou entre fogóns, co obradoiro “Chef na túa casa”, onde prepararon receitas económicas e saudables que despois recolleron nun caderno pequeno ilustrado con poemas. Aquela merenda de Nadal, onde debateron –con humor e fame– cal tortilla era a mellor, foi moito máis que unha comida: “foi o xerme dunha convivencia que floreceu en confianza e respecto”, comenta Andrea Lago, cuxo liderado e compromiso foron fundamentais nesta iniciativa.
Máis adiante, o grupo percorreu tres barrios da Coruña –Praza de Lugo, rúa Barcelona e As Rañas– co obxectivo de observar, reflexionar e fotografar as desigualdades urbanas. As instantáneas, agrupadas por temáticas como mobiliario urbano ou carteis publicitarios, conforman unha exposición que non só retrata fachadas, senón tamén as miradas e aprendizaxes compartidos.
“Foi como mirar a cidade por primeira vez”, dicía un dos estudantes. E non foi o único que recoñeceu o impacto de visitar algunhas zonas, onde a pobreza faise visible en cada esquina. As notas recollidas durante esta actividade mesmo foron trasladadas ao Concello, sumando así un xesto concreto de transformación social.
Máis aló do voluntariado: unha amizade inesperada
“Ao principio había nervios, claro, pero aos poucos convertéronse en risas”, resumía unha alumna. O que naceu como unha actividade de voluntariado social transformouse nunha experiencia vital que deixou pegada en ambos os lados. “Non foi un taller, foi un encontro con amigos”, afirmaban desde o equipo organizador.
A última actividade, unha xincana nas rúas do centro da Coruña, foi a escusa perfecta para celebrar o vivido: entre probas, risas e unha merenda final, os participantes pecharon o proxecto coa certeza de que creceran. Non só como estudantes ou internos, senón como persoas.
A forza da educación cando se encuentra coa vida
Desde o colexio, o seu director, Alfonso Trillo Paz, foi claro: “Dentro de 30 anos non lembrarán quen lles deu clase de psicoloxía ou relixión, pero si lembrarán esta experiencia”. E é que, como subliñou a directora do CIS, Carla García Rodríguez, esta iniciativa achega moito máis que coñecementos: cultiva valores como a empatía, a solidariedade e a humildade. “Este proxecto constrúe persoas”, afirmou.
Pilar Farjas, directora de Cáritas Diocesana, destacou a importancia de abrir espazos onde os mozos poidan mirar “ao outro xardín, ao que non se parece ao seu”, e descubrir alí persoas cunha riqueza interior sorprendente. Finalmente, Yolanda Sánchez, delegada de Pastoral Penal salientou o valor dunha sensibilización que vai máis aló das charlas: “Isto é teoría elevada á súa máxima expresión práctica”.
Un futuro en construcción
A presentación pública do proxecto, celebrada o mércores 4 de xuño no Centro Fonseca, non foi un punto final, senón unha semente. Todas as entidades implicadas coinciden en que esta experiencia debe continuar e expandirse. Porque cando rompen os muros –físicos e mentais–, é posible construír unha sociedade máis xusta, máis humana e máis preparada para acoller.
“Gratitude”, “amizade”, “realidade”, “esperanza”, “empatía”, “transformación”: estas foron algunhas das palabras elixidas polos participantes para describir o vivido. Quizá non estean nos manuais escolares, pero sen dúbida forman parte da mellor lección: a que se aprende ao mirar ao outro aos ollos e descubrir, detrás, a unha persoa.