Hoxe, sábado 25 de xaneiro, o arcebispo de Santiago de Compostela, mons. Francisco Prieto, administrou o sacramento da Confirmación a 14 mozos na parroquia de San Martiño de Sobrán-Vilaxoán.
Na homilía mons. Prieto convidou a mocidade a permanecer unidos á Igrexa e activos na vida da Igrexa diocesana e na vida parroquial, así como a dar testemuño de Cristo alí onde discorre a súa vida e entre os seus compañeiros.
O arcebispo aproveitou a súa visita á parroquia para ver o resultado das importantes obras de restauración do templo levadas a cabo recentemente baixo o patrocinio da Xunta de Galicia.
No marco da celebración do Domingo da Palabra de Deus ao final da celebración litúrxica Don Francisco fixo entrega á mocidade dun exemplar do Evanxeo de cada día.
Era esta a primeira vez que o Arcebispo visitaba a comunidade parroquial de Sobrán- Vilaxoán o cal foi motivo de profunda alegría para os fieis.