Hai trinta anos, san Xoán Paulo II instituíu a Xornada Mundial do Enfermo para sensibilizar o Pobo de Deus, as institucións sanitarias católicas e a sociedade civil sobre a necesidade de asistir os enfermos e a quen os coida.
Cada 11 de febreiro, festividade da nosa Señora de Lourdes, a Iglesia celebra tamén esta xornada para simbolizar a vontade de poñerse ao servizo do outro, do próximo, para axudalo e acompañalo no seu padecemento. Con tal motivo o arcebispo de Santiago, mons. Julián Barrio, dirixiu a todos os diocesanos unha Carta Pastoral.
Comeza o prelado compostelán sinalando que este ano se nos pide: “Sede misericordiosos como o voso Pai é misericordioso”, lema elixido polo Papa Francisco co que se chama a toda a Igrexa a vivir a experiencia da misericordia co enfermo. Esta, continúa D. Julián “é visible e palpable na tenrura dos que coidan os máis fráxiles e necesitados, no perdón mutuo e no sacramento da reconciliación”.
Na súa misiva mons. Barrio afirma que “ningún de nós pode dicir que non necesita da misericordia de Deus e da dos demais. E os demais esperan sempre a nosa actitude misericordiosa para ser mirados cos ollos do corazón”.
O arcebispo destaca ademais que Cristo é o rostro da misericordia do Pai, un Pai que non cesou de dar a coñecer en varios modos e en tantos momentos da historia a súa natureza divina. E engade que os que máis de preto viven este misterio son aqueles homes e mulleres que experimentan a tenrura de Deus. Neste sentido, afirma que “a misericordia fala un idioma que é universal. Todos fomos testemuñas dela e experimentámola ao longo da vida na tenrura e coidado que nos ofrecen os demais nas diferentes etapas da nosa vida e, sobre todo na experiencia da enfermidade”.
Mons. Barrio recolle das Sagradas Escrituras algunhas experiencias de leprosos, marxinados, enfermos… afirmando que “son iconas vivas onde todos podemos contemplar e deixarnos facer por misericordia”.
O arcebispo fai unha referencia especial a todo o persoal sanitario no delicado coidado dos enfermos nos hospitais: “Compartindo a debilidade das persoas enfermas tállanse para si un corazón misericordioso”.
Termina a súa carta convidando a mirar a María con estas palabras: “María é nai de misericordia, tívoa no seu seo e sostívoa nos seus brazos; puido nacer dela, porque se fixo humilde serva da Palabra de Deus. A vós, queridos enfermos e enfermas, téñovos moi presentes na miña oración coa intercesión da Virxe María, saúde dos enfermos”.












