Cáritas na diocese de Santiago invita o voluntariado galego a renovar a mirada ante a exclusión social

Cáritas Diocesana de Santiago fai un chamamento ao conxunto do seu voluntariado, e tamén a quen está pensando en dar o paso cara ao compromiso social, para participar no Encontro de Voluntariado das Cáritas de Galicia, que se celebrará o sábado 11 de abril, a partir das 10.00 horas, no Colexio La Salle de Santiago.
A cita terá como eixo a presentación e a análise do Informe 2025 de Fundación FOESSA, unha ferramenta clave para entender que está a ocorrer hoxe en Galicia en termos de exclusión e desenvolvemento social. Pero o obxectivo vai máis aló dos datos, xa que se trata de parar, escoitar e mirar a realidade con máis profundidade, poñendo rostro ás situacións que a miúdo quedan reducidas a cifras.
A xornada inspírase nunha idea clara trasladada polo papa León XIV ao conxunto de Cáritas «o voluntariado é o corazón da organización». Unha afirmación que inspira a actuación na diocese de Santiago e tradúcese en feitos concretos como acompañar, formar e coidar ás persoas voluntarias como protagonistas dunha acción social que busca ser próxima, digna e transformadora.
O informe FOESSA debuxa unha Galicia con luces e sombras, onde conviven avances sociais con situacións persistentes de vulnerabilidade. Ante este escenario, Cáritas expón unha resposta que non quede no asistencial. O reto é fortalecer os vínculos, recuperar a fraternidade e construír espazos onde ninguén sinta fóra.
O encontro quere ser un espazo aberto para compartir experiencias, contrastar miradas e xerar propostas. Un lugar onde quen xa están implicados poidan reforzar o seu compromiso e onde novas persoas poidan achegarse, coñecer de primeira man o labor de Cáritas e descubrir como participar.
Desde Cáritas na diocese de Santiago destácase que o voluntariado non só transforma a vida de quen recibe apoio, senón tamén a de quen o ofrece. “É unha experiencia que cambia a forma de mirar, de entender aos demais e de situarse no mundo”, destaca Pilar Farjas, directora da entidade.
Para facilitar a organización da xornada, é necesario confirmar asistencia antes do 1 de abril no teléfono 981 554 433, a través do correo animacion.cdsantiago@caritas-santiago.org a ou mediante o equipo de Animación Comunitaria.
Con este encontro, Cáritas Diocesana reforza a súa invitación a toda a sociedade a implicarse na construción dunha Galicia máis xusta, máis humana e máis fraterna.
Previous articleTriduo á Virxe das Dores en Fisterra
Next articleReunión dos bispos da Provincia Eclesiástica de Santiago