Cáritas Diocesana pon en marcha unha nova casa de acollida en Santiago para 10 persoasCáritas Diocesana pon en marcha unha nova casa de acollida en Santiago para 10 persoas

Cáritas Diocesana de Santiago puxo en marcha unha nova casa de acollida situada na Casa Sacerdotal de San Lázaro, na capital compostelá, un recurso destinado a ofrecer aloxamento temporal e acompañamento a persoas en situación de vulnerabilidade ou emerxencia habitacional.
O inmoble, cedido polo Arcebispado de Santiago, foi acondicionado para o seu uso como recurso residencial dentro da rede asistencial da entidade. A nova casa dispón de 10 prazas de acollida e xa está a ser utilizada para dar resposta a situacións urxentes de falta de vivenda, ofrecendo un espazo digno desde o que iniciar procesos de acompañamento social e reconstrución persoal.

 

A bendición das instalacións tivo lugar hoxe nun acto presidido polo arcebispo de Santiago, D. Francisco José Prieto Fernández, quen estivo acompañado pola directora de Cáritas Diocesana de Santiago, Pilar Farjas, e polo director da Interparroquial de Santiago, Carlos Juiz, ademais de traballadores e voluntarios da entidade.
Durante o acto, o arcebispo destacou o valor deste novo recurso como expresión concreta do compromiso da Igrexa coas persoas máis vulnerables. “Esta casa é un signo de esperanza e de fraternidade. A Igrexa quere estar preto de quen atravesa situacións difíciles, ofrecendo non só un teito, senón tamén proximidade, acompañamento e dignidade”, sinalou.
Así mesmo, subliñou que a cesión deste inmoble responde á vontade de poñer os recursos da Igrexa ao servizo de quen máis o necesitan: “Cando abrimos espazos como este estamos a lembrar que ninguén pode quedar á marxe e que as nosas comunidades están chamadas a ser fogares abertos, especialmente para quen vive momentos de fraxilidade”.

A vivienda, principal factor de exclusión

A posta en marcha desta nova casa de acollida responde a unha realidade social cada vez máis preocupante. Segundo datos do último informe da Fundación FOESSA, a vivenda converteuse nun dos principais factores de desigualdade e exclusión social tamén en Galicia.
O 26 % dos fogares galegos presenta algún indicador de exclusión residencial. Más de 78.000 fogares (o 7 %) soportan gastos excesivos de vivenda, o que os sitúa por baixo do limiar de pobreza severa tras pagar alugueiro ou hipoteca. Ademais, unhas 160.000 persoas viven en situación de vivenda insegura e preto de 170.000 fano en condicións de insalubridade, amontoamento ou mala habitabilidade.
Entre 2018 e 2024, o prezo da vivenda en Galicia aumentou un 21 % e o do alugueiro un 28 %, situándose a cota media en 732 euros, moi por encima do crecemento dos ingresos reais.

Esta situación tamén se reflicte na realidade que acompaña Cáritas Diocesana de Santiago. O 29 % dos fogares atendidos pola entidade presentan algún tipo de exclusión residencial, un dato que creceu oito puntos desde 2018. Desde Cáritas advírtese de que se consolidou unha auténtica emerxencia habitacional que vulnera dereitos fundamentais, polo que consideran necesaria unha resposta urxente, valente e coordinada por parte de toda a sociedade e das administracións públicas.

Un recurso para acompañar procesos de inclusión

Cada ano, un total de 826 persoas foron acollidas en recursos residenciais xestionados por Cáritas Diocesana de Santiago, que inclúen vivendas familiares, recursos para persoas sen fogar e dispositivos de acollida para persoas maiores en situación de vulnerabilidade.

A apertura deste novo espazo en San Lázaro reforza a rede de acollida de Cáritas na diocese de Santiago, que combina aloxamento temporal con acompañamento social personalizado para favorecer procesos de inclusión e acceso a unha vivenda digna.

Previous articlePresentado o programa da Semana Santa 2026 en Santiago de Compostela
Next articleO arcebispo de Santiago preside o último día da Novena en honra da Virxe da Soidade en Santa María Salomé