O arcebispo de Santiago preside o último día da Novena en honra da Virxe da Soidade en Santa María Salomé

  • A devoción á Virxe da Soidade remóntase ao século XVII e mantén viva unha das tradicións relixiosas máis arraigadas da cidade.
  • Na súa homilía, o arcebispo subliña que a soidade de María “non é baleiro, senón esperanza”
A igrexa de Santa María Salomé acolleu esta tarde a celebración do último día da Novena en honra á Virxe da Soidade. A eucaristía estivo presidida polo arcebispo de Santiago de Compostela, monseñor Francisco José Prieto Fernández, acompañado por fieis e membros da Ilustre Confraría da Soidade.
Durante a súa homilía, o arcebispo convidou os fieis a contemplar a figura de María desde a esperanza cristiá, especialmente no contexto do camiño cuaresmal cara á Pascua. Partindo do Evanxeo do día, que relata a curación do cego de nacemento, subliñou a importancia da luz e da fe para comprender o sentido profundo da vida.
Monseñor Prieto destacou que a advocación da Virxe da Soidade non representa un baleiro nin unha ausencia, senón unha presenza cargada de fe e confianza. “A súa soidade non é baleiro, senón espera, presenza e esperanza”, afirmou, ao lembrar a María ao pé da cruz, permanecendo xunto ao seu Fillo mesmo no medio da dor e do desconcerto.
O arcebispo sinalou que esta actitude de María convida os crentes a vivir con confianza mesmo nas dificultades. Así mesmo, animou aos fieis para adoptar unha mirada misericordiosa cara aos demais, inspirada na actitude da Virxe. “Necesitamos unha mirada que reconcilie e que poña luz no corazón das persoas”, sinalou, lembrando que a fe cristiá debe traducirse en xestos de proximidade, compaixón e fraternidade.
A irmandade, fundada no ano 1664, reúne unha longa historia vinculada á vida relixiosa e social de Santiago. Entre os seus primeiros confrades figuraron destacados membros da aristocracia compostelá, como o Conde de Ramiranes, o Marqués de Bendaña ou o Marqués de Santa Cruz de Rivadulla, quen contaba con residencias dentro do termo parroquial de Santa María Salomé.

Previous articleCáritas Diocesana pon en marcha unha nova casa de acollida en Santiago para 10 persoasCáritas Diocesana pon en marcha unha nova casa de acollida en Santiago para 10 persoas
Next articleSantiago de Compostela reúne a expertos de toda España nas XVIII Xornadas de Museólogos da Igrexa