Cáritas Diocesana levará a cabo unha campaña de información sobre o traballo que realiza

  • “Queremos dar a coñecer a realidade da nosa Igrexa e o traballo que se leva a cabo a través de Cáritas” (monseñor Prieto Fernández)
  • Presentado o balance económico do primeiro semestre.
  • Poñerase en marcha un Programa de Cumprimento Normativo

O arcebispo de Santiago, monseñor Francisco José Prieto Fernández na súa condición de presidente de Cáritas Diocesana saudou os integrantes do Consello da entidade indicando que a niveis diocesanos iniciábase un novo curso e sinalou que “Cáritas non remata o curso porque sempre está a traballar e á beira dos máis necesitados”. No transcurso da reunión foi presentado o balance económico do primeiro semestre que lanza un saldo negativo e deuse a aprobación na posta en marcha dunha campaña informativa para dar conta do traballo que realiza a entidade, e a entrada en funcionamento do Programa de Cumprimento Normativo. Foron presentadas propostas e realizacións das distintas Zonas Pastorais e os departamentos que integran a entidade.

Oración

O delegado episcopal, Jesús García Vázquez, foi o encargado de presentar a oración inicial mencionando que “temos a Xesucristo como o gran protagonista dass nosas vidas porque nos parece  que é a mellor forma de facernos e realizarnos como persoas, somos continuadores do seu estilo de vida e  queremos poñer  en práctica en nós o seu estilo de vida”. Pensa que “a fe en Xesucristo e a caridade son unha única moeda con dúas caras. Son como duas dimensións dunha mesma ralidade, están unidas e son inseparables”.

“Temos que ter presente que o centro, o corazón da mensaxe de Xesús, as súas actuacións, a paixón que alenta  toda a súa vida é construír  un mundo máis humano, máis solidario, máis fraterno, empezando polos últimos. Toda a súa vida foi unha continua doazón aos demais”, sinalou finalmente.

Resultado económico

O balance económico do primeiro semestre, presentado por Anxo Dorrego, administrador adxunto, reflicte un saldo negativo de 611.749 euros. O gasto total ascendeu a 2.921.823 euros e o ingreso a 2.310.074 euros. Comentou que o resultado negativo podería parecer un pouco elevado, indicando que o gasto do ano vai un 13% por encima do mesmo semestre de 2022, facendo fincapé en que o dato se axusta moito ao previsto no orzamento e que a perspectiva é que o ingreso irá cubrindo o déficit reflectido.

O gasto por axudas supera nun 40% aos do ano anterior, aínda que se mantén algo por baixo do importe que se orzou, realizándose no 84%. O incremento débese ás axudas de emerxencia.

O gasto de persoal aumenta un 3% o que coincide exactamente coa subida salarial. Respecto ao orzamento mantense moi axustado e a porcentaxe de realización é dun 98%.

O gasto por servizos aumenta un 6% e coincide co importe que se orzou. O ingreso total aumentou un 1% respecto ao mesmo período do ano anterior e atópase realizado nun 72% do orzamento.

Os socios diminúen un 14% cambiando considerablemente a liña dos últimos anos. As cotas dos usurarios aumentan un 18% como consecuencia da maior actividade.

As colectas manteñen a tendencia de anos anteriores baixando un 44% e tamén quedan un 26% por baixo do orzamento.

Os donativos recuperáronse respecto ao trimestre anterior, aínda que seguen por baixo de orzamento. A partida de herdanza e legados en efectivo tamén mellora moito.

Respecto ao orzamento, a partida de ingresos propios atópase realizada nun 79% pola estacionalidade das subpartidas que a compoñen.

Ao peche do balance seguían aínda moitos convenios e subvencións sen resolver, pero a data de elaboración deste informe incídese en que unha parte ou xa se resolveu, ou están pendentes de firma. Trátase de acordos coa Administración Pública a través de concellos e deputacións, así como a Xunta.

As Subvencións, doazóns e legados de capital non se contabilizan ata o peche. Nesta partida ten moita relevancia económica a venda dun piso por parte de Cáritas Interparroquial da Coruña.

O traballo de Cáritas

Analizouse en profundidade a necesidade de que Cáritas Diocesana leve a cabo unha campaña de información e divulgación para que se coñeza en profundidade o traballo que se realiza desde a entidade, “para dar a coñecer a realidade de nosa Igrexa e o traballo que leva a cabo a través de Cáritas”, sinalou monseñor Prieto Fernández. Pediu a voluntarios e traballadores seguir facendo esforzos para que cada vez máis se faga coñecida a misión e o traballo que leva cabo en Cáritas. En tal sentido sinalou que se deben de utilizar todos os medios actuais, facendo especial fincapé nas redes sociais e medios dixitais, “todo iso con esforzo, valentía e creatividade “, indicou.

Cumprimento normativo

Unha empresa externa, para o que se están analizando as distintas propostas, será a encargada do Programa de Cumprimento Normativo no que vai xogar un papel fundamental o que se coñece como a canle de denuncias. Será unha ferramenta interna da organización para conseguir o mellor funcionamento da entidade e o traballo que nela desempeñan tanto os técnicos como os voluntarios.

Programa piloto

O responsable do departamento xurídico, Antonio González Cid presentou o programa piloto destinado a persoas estranxeiras consistente en conseguir o seu arraigamento a través da formación. Sinalou que para acollerse a el era necesario estar a vivir nos dous últimos anos en España e os tres últimos meses en Galicia. O acordo foi asinado pola Federación de Cáritas en Galicia, e á Diocesana de Santiago correspondéronlle un total de 30 prazas de formación das que 20 levarán a cabo na Coruña e as restantes en Santiago.

Informouse o órgano executivo de Cáritas que unha comisión estaba traballan na redacción dos novos estatutos, sinalando que a proposta para analizar os temas estaba aberta a todo tipo de achegas. En tal sentido anunciouse que nos próximos días enviaríase unha carta asinada polo arcebispo de Santiago na que se dá conta das motivacións para realizar este traballo.

Arroupa

O director diocesano, Anuncio Mouriño pediu ao Consello un recoñecemento de gratitude para o presidente de Cáritas Española, Manuel Bretón debido a que “sempre está presente nos acontecementos importantes que levamos a cabo a través da Diocesana”.

Solicitou ao plenario a aprobación dun préstamo destinado á empresa de inserción Arroupa para a compra duns terreos sobre os que edificar a nova nave. En tal sentido mencionou que a empresa levaba un camiño de actuación e resultados moi positivo e que no que ía de ano recolléronse máis de 800 mil quilos de roupa, que as vendas en nave superaran o 600 mil euros e nas tendas preto de 200 mil euros.

Mencionou tamén que se enviou unha carta á Federación de Cáritas en Galicia, mostrando a súa discrepancia por unhas compras, que cualificou como moi custosas, de material de informática.

O Consello deu a súa aprobación aos últimos convenios asinados con administracións, públicas e privadas, e empresas, así como á contratación de novo persoal que desempeñará o seu labor en distintos programas e departamentos.

 

Previous articleD. Francisco confirma un grupo de mocidade na Parroquia de Santo Antoíño de Baíñas
Next articleMons. Prieto preside a Festa da Mercé de Bandín