Cáritas Diocesana de Santiago inaugurou na Coruña a súa nova tenda Arroupa Moda re-, situada na rúa Barcelona 17, un espazo renovado que reforza o desenvolvemento deste proxecto de economía social na cidade e amplía a súa capacidade para xerar oportunidades de emprego e facilitar o acceso digno a bens básicos.
Ao acto acudiu a directora diocesana, Pilar Farjas; o delegado episcopal, Santiago Fernández; a directora de Cáritas Interparroquial da Coruña, Dolores Rivas Lombardero; a xerente de Arroupa Moda Re, Isabel Fraga; representantes da Xunta de Galicia, do Concello da Coruña e do tecido asociativo xunto a voluntarios e socios de Cáritas na cidade.
O novo local, máis amplo e funcional, foi deseñado para mellorar a atención ás persoas, facilitar a exposición das pezas e ofrecer unha experiencia de compra máis cómoda e accesible. A tenda, que se une ás de Santiago, Carballo, Pontevedra e Vilagarcía, achega á cidadanía unha proposta de moda reutilizada con prezos moi competitivos, demostrando que é posible consumir de forma responsable sen renunciar á calidade nin ao estilo.
Un espazo ao servizo da dignidade e a inclusión
A nova tenda intégrase plenamente no modelo de economía social que impulsa Cáritas Diocesana de Santiago a través de Arroupa Moda Re-. Neste espazo conviven a actividade comercial coa entrega social de roupa en condicións normalizadas, de modo que as persoas en situación de vulnerabilidade poden elixir as pezas que necesitan mediante un sistema de vales, en igualdade de condicións que calquera cliente.
Este modelo permite avanzar cara a unha atención máis respectuosa e centrada na persoa, superando fórmulas asistenciais tradicionais e reforzando a autonomía e a dignidade.
A tenda como parte dunha rede de economía social
A nova tenda da Coruña forma parte de Arroupa Moda Re-, empresa de inserción de economía social promovida por Cáritas Diocesana de Santiago. A súa actividade enmárcase nun sistema integral que abarca a recollida, clasificación, reutilización e venda de roupa, xerando emprego e reducindo o impacto ambiental.
O novo local amplía a superficie de venda e exposición ata 212 m², incrementa a capacidade de almacenamento e permite optimizar procesos como o picking en tenda, favorecendo unha maior rotación de pezas. Así mesmo, mellora a presentación dos produtos e duplica a oferta dispoñible para o público. Estas melloras permitirán un crecemento estimado do 60% en vendas e do 40% na entrega social de pezas, reforzando o impacto do proxecto e a súa capacidade de atención desde a economía social.
En 2025, o proxecto contou cunha rede de 357 contedores de recollida de roupa distribuídos por toda a diocese nas provincias de Pontevedra e A Coruña, o que permitiu xestionar 1.972 toneladas de residuo téxtil. Este volume transfórmase en recurso a través dun modelo de economía social que prioriza a reutilización e a xeración de valor social.
Emprego de inserción e oportunidades reais
Arroupa Moda Re- sitúa o emprego no centro da súa actividade como empresa de economía social. Durante o último ano, 40 persoas participaron en itinerarios de inserción sociolaboral, nos que reciben formación, acompañamento e experiencia laboral nunha contorna real.
O 83 por cento das persoas que finalizan estes procesos logran acceder ao mercado laboral ordinario, o que pon de manifesto a eficacia deste modelo como instrumento de inclusión social e laboral.
Impacto social e ambiental da economía circular
O modelo de economía social de Arroupa Moda Re- permite dar unha segunda vida ás pezas e reducir o volume de residuos téxtiles. En 2025, entregáronse 23.697 pezas a persoas en situación de vulnerabilidade, reforzando a dimensión social do proxecto.
Ao mesmo tempo, a reutilización téxtil impulsada por Arroupa Moda Re- contribúe á sustentabilidade ambiental, evitando a emisión de 67.000 toneladas de CO₂ e aforrando 9.300 millóns de litros de auga, en liña cos obxectivos dunha economía máis responsable e circular.
Durante a inauguración, a directora de Cáritas Diocesana de Santiago, Pilar Farjas, subliñou que “este novo espazo reflicte a consolidación dun proxecto de economía social que transforma un residuo en oportunidade, creando emprego e ofrecendo respostas concretas ás necesidades sociais”.
Un chamamento ao cumprimento da normativa
Desde xaneiro de 2025, os concellos teñen a obrigación legal de xestionar o residuo téxtil, con todo, a de hoxe seguen sen asumir o custo deste proceso, que está realizado maioritariamente por entidades sociais.
Isto significa a perda de oportunidades de reutilizar, de xerar emprego e de facer unha xestión adecuada dun residuo que ten un enorme valor social e ambiental.
Doutra banda, é imprescindible avanzar na posta en marcha do SCRAP do residuo téxtil, este sistema que obriga aos produtores para facerse responsables tamén da súa recollida e tratamento.
Sen estes sistemas funcionando de xeito adecuado, as entidades que traballan neste ámbito carecen dun marco económico claro e estable.
Desde Cáritas sinálase que é preciso organizar mellor o sistema, garantir unha xestión adecuada e recoñecer o papel das empresas de economía social que contan con anos traballando con rigor e compromiso.
Desde xaneiro de 2025, os concellos teñen a obrigación legal de implantar a recollida separada do residuo téxtil, pero en moitos casos este proceso segue sen desenvolverse ou avanza con atraso.
A nova tenda da Coruña reforza así o compromiso de Cáritas cunha economía que transforma residuos en oportunidades, xera emprego, promove a inclusión e contribúe a unha sociedade máis xusta e sostible.