Cáritas Diocesana de Santiago e APECCO consolidan un programa de formación que xa preparou a 48 persoas para traballar no sector da construción

Cáritas Diocesana de Santiago, a través do Centro de Formación e Emprego Violetas de Cáritas Interparroquial da Coruña, e a Asociación Provincial de Empresarios da Construción da Coruña (APECCO) visitaron o alumnado da quinta edición do Curso de Operador/a de Vehículos e Maquinaria de Construción.
No acto institucional participaron, por parte de Cáritas Diocesana de Santiago, Pilar Farjas, directora de Cáritas Diocesana e Dolores Rivas Lombardero, directora de Cáritas Interparroquial da Coruña xunto aos responsables do Centro de formación Violetas.
Por parte de APECCO asistiron Diego Vázquez Reino, presidente de APECCO; Miguel García Eiroa, xerente da entidade e Mónica Miñones Vilela, responsable de Formación e Emprego de APECCO.

 

Esta iniciativa formativa, que comezou o pasado 21 de maio e ten unha duración de 342 horas, consolidouse como unha resposta eficaz ás necesidades de cualificación do sector da construción e á mellora das oportunidades laborais de persoas en situación ou risco de exclusión social.
“A formación é unha das ferramentas máis eficaces para que as persoas recuperen a súa autonomía e poidan desenvolver un proxecto de vida con estabilidade e autonomía. Este curso demostra que, cando as entidades sociais e o tecido empresarial traballan da man, xéranse oportunidades reais de inclusión laboral”, sinala Pilar Farjas, directora de Cáritas Diocesana de Santiago.

Desde o inicio desta colaboración, o programa formou a 48 persoas. Tras as catro primeiras edicións participaron 40 alumnos e alumnas, aos que se suman os 8 participantes deste ano, entre eles unha muller. A incorporación progresiva de mulleres a esta formación contribúe a avanzar cara a unha maior presenza feminina nun ámbito tradicionalmente masculinizado.
A parte práctica do curso desenvólvese ata o 11 de agosto nas instalacións de Talleres Hércules de Maquinaria, onde o alumnado adquire experiencia no manexo de vehículos e maquinaria específica do sector. “En Cáritas Diocesana de Santiago entendemos o emprego como un elemento esencial para a inclusión social. O noso compromiso é acompañar ás persoas durante todo o seu itinerario e construír alianzas con empresas que compartan a responsabilidade de ofrecer oportunidades a quen máis o necesitan”, destaca Pilar Farjas.

Unha formación adaptada ás necesidades das empresas

O itinerario formativo combina formación técnica e práctica para facilitar a incorporación ao mercado laboral. Inclúe 60 horas de manexo de vehículos e maquinaria de construción, 60 horas de albanelería, 120 horas de prevención de riscos laborais e 80 horas de prácticas non laborais en empresas do sector.
Os resultados obtidos nas edicións anteriores avalan a utilidade deste programa. Os 10 participantes da edición do ano pasado atópanse actualmente traballando en empresas da construción, o que confirma o elevado nivel de inserción laboral alcanzado grazas á estreita colaboración entre Cáritas Diocesana de Santiago e APECCO.
O Curso de Operador/a de Vehículos e Maquinaria de Construción forma parte da oferta do Centro de Formación e Emprego Violetas, desde onde Cáritas Diocesana de Santiago impulsa itinerarios adaptados ás necesidades do mercado laboral para favorecer a inserción sociolaboral das persoas participantes.

 

Previous articleRibeira recoñece a entrega das Fillas da Caridade e o seu compromiso coa educación e a pastoral en Oleiros
Next articleCelebración do pleno do Consello Presbiteral