Cáritas Diocesana de Santiago e a Fundación María Esperanza Rubido Romero firman un convenio para apoiar a Rede de Pisos de Acollida

Cáritas Diocesana de Santiago de Compostela e a Fundación María Esperanza Rubido Romero asinaron un convenio de colaboración co obxectivo de reforzar a Rede de Pisos de Acollida que a entidade mantén activa na cidade e a súa contorna, destinada a persoas e familias en situación de vulnerabilidade ou exclusión social.
O acordo está orientado a sufragar gastos básicos como saúde, alimentación, roupa, subministracións e transporte. Esta axuda permitirá mellorar as condicións de vida de ata 16 familias (40 persoas) durante o ano 2025, ofrecendo un recurso habitacional digno e seguro como medida transitoria fronte á emerxencia habitacional que atravesa Galicia.
A rede de Cáritas diocesana na área metropolitana de Santiago de Compostela está composta por 7 vivendas (37 prazas) e atende desde hai máis de dúas décadas a persoas sen recursos nin rede de apoio, afectadas por procesos de desafiuzamento ou expulsadas do mercado de alugueiro polo aumento de prezos e as esixencias desproporcionadas.
O proxecto vai máis aló de ofrecer un teito: implica un acompañamento integral centrado no desenvolvemento persoal, o acceso a emprego, a mellora de habilidades sociais, o apoio emocional e a transición cara a unha vida autónoma. Cáritas conta cun equipo técnico especializado e unha rede de voluntariado comprometido que aseguran unha intervención individualizada e eficaz.
Para Pilar Farjas, directora de Cáritas diocesana de Santiago, “o convenio coa Fundación María Esperanza Rubido Romero é un xesto de compromiso coa dignidade humana que nos permite que moitas familias recuperen a esperanza e reconstrúan as súas vidas”.
Pola súa banda, Filomena Casal, presidenta do padroado da fundación, sinalou “o compromiso da entidade coas persoas en situación de vulnerabilidade social, como familias sen fogar, persoas maiores ou colectivos en risco de exclusión”.
A Fundación María Esperanza Rubido Romero, radicada en Negreira, constituíuse o 14 de febreiro do 2007, polos albaceas testamentarios e partindo desa vontade clara e precisa do que fora a súa vida, envorcada cara ás obras benéficas e devotas. Foi declara de interese galego na Orde do 26 de marzo de 2008, e rexistrada no Rexistro de Fundacións de Interese Gallego.

A vivienda, o maior gasto

A actuación conxunta supón unha resposta concreta ao desafío do sinhogarismo, e representa un modelo de intervención baseado na solidariedade, a corresponsabilidade e a transformación social.

A vivenda converteuse nun gran pozo sen fondo para numerosas familias, sobre todo para aquelas con menos ingresos. Os gastos relacionados co pago da casa e as súas subministracións son os que máis se incrementaron nos orzamentos familiares, desequilibrando así as economías de millóns de familias no noso país. De feito, as familias con menos ingresos invisten 6,3 de cada 10 euros (63%) a gastos de vivenda, subministracións e alimentación fronte aos menos de 4 de cada 10 euros que gastan as familias con maior nivel de ingresos.

Fonte: Cáritas Diocesana

Previous articleSan Martiño de Salcedo reabre as súas portas tras unha restauración integral
Next articleEncontro do arcebispo co empresariado galego no Club Financeiro de Santiago