As distintas intervencións permitiron achegar aos asistentes o traballo desenvolvido en ámbitos como a acollida e acompañamento, o emprego, a inclusión residencial, a atención a persoas maiores, as familias, a infancia ou as situacións de exclusión severa, poñendo rostro e voz aos equipos que sosteñen diariamente a atención especializada de Cáritas.
O delegado episcopal de Cáritas na diocese de Santiago, Santiago Fernández, abordou pola súa banda os retos actuais do voluntariado no contexto social descrito polo informe FOESSA. Durante a súa intervención destacou que “o voluntariado segue sendo hoxe unha das respostas máis valiosas fronte á soidade, a fraxilidade e a exclusión” e subliñou a necesidade de “seguir construíndo comunidades capaces de acompañar, escoitar e xerar esperanza desde a proximidade”.
Esforzo diario da acción de Cáritas
Esforzo diario da acción de Cáritas A Asemblea incluíu tamén a presentación do traballo realizado desde a área de Animación Comunitaria e Voluntariado, así como do traballo desenvolvido polos departamentos de Recursos Económicos, Recursos Humanos e Comunicación, subliñando o carácter transversal e coordinado da acción de Cáritas na diocese de Santiago.
A sesión concluíu coa intervención da directora de Cáritas Diocesana de Santiago, Pilar Farjas Abadía, quen presentou o informe de xestión da entidade, realizando balance do estado dos recursos dispoñibles e das principais cifras de atención social rexistradas durante o último exercicio.
Farjas destacou “o enorme esforzo humano, técnico e comunitario que sostén diariamente a acción de Cáritas” e sinalou a importancia de “seguir reforzando unha resposta integral, profesional e profundamente humana ante as múltiples formas de pobreza e exclusión que continúan crecendo na nosa contorna”.
A Asemblea finalizou cunha comida de convivencia en Cangas e un acto de despedida e envío que serviu como peche dunha xornada marcada pola reflexión compartida, o recoñecemento mutuo e a renovación do compromiso coas persoas máis vulnerables.
Con esta convocatoria, Cáritas na diocese de Santiago continúa ademais a liña iniciada en anos anteriores de descentralizar os seus grandes encontros diocesanos, achegándoos a distintos puntos do territorio para poñer en valor a diversidade e riqueza da diocese.













