Cáritas Diocesana de Santiago acompañou en 2025 a máis de 20.600 persoas e alerta de que a vivenda converteuse no principal factor de exclusión social

Cáritas Diocesana de Santiago presentou hoxe a súa Memoria 2025, na que constata un agravamento sostido da exclusión social no territorio. Durante o último ano, a entidade atendeu a máis de 45.000 persoas e acompañou a 20.664, reflectindo unha realidade marcada pola precariedade, a inestabilidade e a crecente dificultade para acceder a dereitos básicos como a vivenda.
“Xa non falamos de situacións puntuais de vulnerabilidade. Falamos de procesos que se alongan no tempo, que se cronifican e que afectan de forma estrutural a moitas familias”, sinalou Pilar Farjas, directora de Cáritas Diocesana de Santiago. “As solucións deben estar á altura do momento: con recursos, con estratexia e cunha verdadeira vontade política e social”.

 

CRECE O PROBLEMA DA VIVENDA

Un dos datos máis preocupantes do informe é o que fai referencia á vivenda. Durante 2025, case 900 persoas foron atendidas en recursos residenciais e programas de acollida, o que evidencia o aumento das dificultades de acceso e mantemento dun fogar digno.
Cáritas Diocesana de Santiago dispón dunha rede de 43 vivendas con 232 prazas, que resulta insuficiente ante unha demanda crecente.
“A vivenda deixou de ser só unha consecuencia da exclusión. Converteuse nunha das súas principais causas”, subliñou Pilar Farjas. “Hoxe atopamos persoas con emprego que non poden acceder a un alugueiro, familias que destinan unha parte desproporcionada dos seus ingresos á vivenda ou que, despois de pagala, quedan en situación de vulnerabilidade”.
No eixo de necesidades básicas, 12.199 persoas necesitaron apoio para cubrir gastos esenciais como alimentación, subministracións ou atención sociosanitaria, o que confirma que moitas familias seguen tendo dificultades para soster unha vida digna.
“O emprego segue sendo imprescindible, pero xa non sempre é suficiente. Cada vez atopamos máis persoas que traballan e, aínda así, continúan en situación de vulnerabilidade”, explicou Pilar Farjas.
A formación e o acceso ao emprego continúan sendo unha das principais apostas de Cáritas Diocesana de Santiago para combater a exclusión social.
Durante o último ano, 3.759 persoas participaron en programas de orientación, formación e inserción laboral. A entidade desenvolveu 81 accións formativas e logrou 877 insercións laborais derivadas directamente destes procesos.
A iso súmanse as máis de 600 contratacións facilitadas a través da Bolsa de Emprego de Cáritas, así como os itinerarios personalizados de inserción desenvolvidos con centenares de participantes grazas á colaboración de 179 empresas.
A entidade subliña ademais a especial vulnerabilidade da poboación migrante, cun risco de exclusión social 5,5 veces superior ao da poboación autóctona. Esta realidade tradúcese en maiores dificultades de acceso a un emprego estable e de calidade, o que reforza a importancia de promover oportunidades de traballo digno como elemento clave para a inclusión social.
Os resultados de emprego demostran que cando se unen formación, acompañamento e colaboración empresarial, a inclusión é posible. Cada inserción laboral é unha oportunidade real para recuperar dignidade, estabilidade e futuro.
Ademais, 3.833 persoas foron acompañadas en programas fronte á soidade non desexada, unha realidade crecente que afecta especialmente a persoas maiores, pero tamén a outros colectivos vulnerables.
“A soidade é unha forma de pobreza silenciosa que deteriora profundamente a calidade de vida das persoas e que está a crecer na nosa sociedade”, engadiu a directora.

 

PERFIL DE EXCLUSIÓN MÁIS COMPLEXO

A Memoria confirma que a exclusión social presenta cada vez un perfil máis complexo e diverso. Afecta a familias con ingresos insuficientes, persoas con emprego precario, novos con dificultades de emancipación e persoas maiores en situación de soidade.

Cáritas advirte da interrelación entre factores como baixos ingresos, dificultade de acceso á vivenda e fraxilidade dos vínculos sociais, o que converte a pobreza nun fenómeno máis estrutural, menos visible e máis difícil de reverter sen intervencións sostidas no tempo.

A actividade de Cáritas Diocesana de Santiago articúlase ao redor de catro eixos: necesidades básicas, emprego e formación, vivenda e soidade non desexada. O seu labor desenvólvese en 110 municipios da Coruña e Pontevedra grazas a unha rede de máis de 2.800 voluntarios e profesionais.

Durante 2025, a entidade mobilizou máis de 10 millóns de euros destinados a programas de atención social, emprego, vivenda e acompañamento a persoas en situación de vulnerabilidade.

COMPROMISO E RESPONSABILIDADE COMPARTIDA

Durante a presentación, Cáritas trasladou unha mensaxe clara ás administracións públicas sobre a necesidade de reforzar as respostas ante unha realidade que se agrava.

“As organizacións sociais podemos acompañar, escoitar e xerar oportunidades. Pero as solucións de fondo requiren políticas públicas capaces de actuar sobre as causas da exclusión”, sinalou Pilar Farjas.

“Non se están alcanzando aínda respostas da dimensión que esixe a situación que estamos a vivir”, engadiu.

A entidade subliña a necesidade de avanzar en políticas de vivenda accesible e social, reforzar a atención á saúde mental e desenvolver estratexias de inclusión sostidas no tempo.

A DIGNIDADE DA PERSOA NO CENTRO

Pola súa banda, o delegado episcopal de Cáritas Diocesana de Santiago, Santiago Fernández, lembrou que a acción da entidade se fundamenta na doutrina social de la Igrexa.

“A pobreza non pode entenderse unicamente como unha falta de ingresos. Tamén se expresa na soidade, na incerteza, na falta de oportunidades e na fraxilidade dos vínculos. A dignidade da persoa debe estar sempre no centro das decisións sociais e políticas”, sinalou.

Fernández subliñou ademais que “unha sociedade xusta non pode normalizar que o acceso a dereitos básicos como a vivenda ou o traballo digno quede fóra do alcance de tantas persoas, e isto interpela directamente á responsabilidade das institucións e do conxunto da sociedade”.

Cáritas Diocesana de Santiago conclúe a súa Memoria cunha chamada á corresponsabilidade ante unha realidade que esixe compromiso.

“Detrás de cada cifra hai unha historia, unha persoa e unha oportunidade. O noso compromiso é seguir estando preto, pero tamén seguir alertando cando se están vulnerando dereitos fundamentais”, concluíu Pilar Farjas.

 

Previous articleMons. Francisco José Prieto Fernández participa na Permanente da CEE
Next articleO arcebispo de Santiago, mons. Francisco José Prieto, nas Xornadas Nacionais de Patrimonio