Cangas celebra a festividade do Santísimo Cristo do Consolo

A vila de Cangas viviu este domingo una das súas xornadas máis sinaladas do calendario relixioso e festivo: a solemnidade do Santísimo Cristo do Consolo. Tras o novenario e un triduo de preparación predicado polo sacerdote diocesano Ernesto Gómez Juanatey, a localidade envorcouse cos actos litúrxicos e a tradicional procesión que cada ano reúne a centenares de fieis.

Desde primeira hora desta mañá, o templo parroquial abriu as súas portas para acoller aos devotos. A primeira eucaristía celebrouse ás 9:00 horas, mentres que ás 11:30 horas tivo lugar a misa principal, aplicada polos devotos do Santísimo Cristo a intención da Confraría e presidida polo arcebispo de Santiago, monseñor Francisco José Prieto Fernández. Xa pola tarde, ás 19:30 horas, celebrouse unha misa rezada tras a cal saíu á rúa a esperada procesión.

O percorrido procesional, punto culminante da xornada, estivo encabezado pola venerada imaxe do “Rey inmortal”, que volveu espertar o fervor e a emoción dos asistentes. Ao termo, ás portas da igrexa parroquial, entoáronse os himnos da Salve mariñeira e do Cristo do Consolo, momentos nos que a devoción popular mesturouse co sentimento de pertenza a unha tradición que afunde as súas raíces na historia da vila.

Durante a homilía da misa solemne, o arcebispo ofreceu unha visión inclusiva e esperanzadora da fe cristiá, lembrando que o amor de Dios abraza a toda a humanidade sen distinción. “Cristo é de todos e para todos”, proclamou, subliñando que a fe auténtica non coñece fronteiras nin etiquetas. A súa mensaxe convidou a vivir a espiritualidade como un espazo de encontro, unidade e comuñón.

Así mesmo, ao fío das lecturas bíblicas, mons. Prieto sinalou que o Evanxeo segue interpelando ao mundo actual, marcado por conflitos e desigualdades. Lembrou os nomes de territorios en guerra como Gaza e Ucraína, sen esquecer aquelas zonas de África ou Asia onde os enfrontamentos permanecen no esquecemento mediático. “A paz —advertiu— non se constrúe con protagonismos estériles, senón co servizo humilde, como o do propio Cristo que dixo: ‘Non vin a que me sirvan, senón a servir’”.

o prelado compostelán tamén abordou o valor da verdade, non como argumento teórico, senón como experiencia vivida. “A verdade do crucificado” —dixo— é a que revela o amor inesgotable de Dios. Fronte ás mentiras e rumores que distorsionan a realidade, o arcebispo defendeu unha verdade que se encarna na entrega e o servizo.

Un dos piares da mensaxe de monseñor Prieto foi o amor entendido como unha experiencia compartida. Sinalou que amar non sempre é fácil, especialmente cando se fai desde o egoísmo. En lugar de centrarse no “eu amo”, convidou a descubrir o “nós somos amados”, unha forma de conxugar o amor que reflicte apertura, fraternidade e pertenza. Porque o verdadeiro amor, dixo, non se impón nin se reclama: recíbese, compártese e vívese en comunidade.

No tramo final da súa intervención, monseñor Prieto quixo ter unhas palabras de recoñecemento para o párroco, Severo Lobato, a quen agradeceu publicamente a súa entrega e dispoñibilidade no exercicio do seu ministerio durante estes anos. E concluíu confiando a todos os presentes á intercesión da Virxe María, lembrando as súas palabras en Caná: “Facede o que vos diga o Cristo”.

Previous articleCrónica xubilar en Roma: l Arquidiocese de Santiago peregrinou ao corazón da esperanza
Next articleMuxía devolveu á Virxe da Barca a súa anda orixinal, restaurada tras case un século de historia