- Unha eucaristía de acción de grazas reuniu a residentes, familias, traballadores e voluntarios.
- O arcebispo de Santiago destacou o valor da dignidade humana e do acompañamento ás persoas.
- O centro atende actualmente a 46 persoas e mantén vivo un proxecto nacido hai sete décadas e media.
O Cottolengo do Pai Alegre conmemorou este mércores en Santiago de Compostela os seus 75 anos de historia cunha eucaristía de acción de grazas presidida polo arcebispo compostelán, monseñor Francisco José Prieto Fernández. Á celebración asistiron residentes, familiares, traballadoras, voluntarios e colaboradores dunha institución que, desde a súa fundación, mantén intacta a súa misión: ofrecer un fogar a persoas con enfermidades crónicas incurables e sen recursos.

O aniversario coincidiu ademais coa festividade litúrxica de Santa María Magdalena, unha circunstancia que marcou a homilía do arcebispo, centrada no valor do coidado, a proximidade e a dignidade de cada persoa. Monseñor Prieto lembrou que “o amor de Cristo é a clave” para comprender o labor que se realiza diariamente no Cottolengo e subliñou que ningunha vida é máis importante que outra, porque “cada persoa é querida dun xeito único por Deus”.
O prelado destacou que o verdadeiro sentido dunha casa como o Cottolengo non se atopa unicamente na organización ou nos coidados materiais, senón nunha forma de acompañar baseada no servizo e a presenza xunto a quen máis o necesitan. Tamén puxo en valor os pequenos xestos cotiáns, capaces de expresar proximidade e humanidade, e lembrou que todas as persoas necesitan, nalgún momento da súa vida, ser coidadas e acompañadas.

As orixes do Cottolengo en Santiago remóntanse á época do arcebispo Quiroga Palacios. En 1971, Carmen San Díez doou a vivenda situada no número 60 da rúa de San Pedro, onde comezou a actividade da institución. Máis adiante, a cesión duns terreos no Castiñeiriño e as achegas solidarias permitiron construír o edificio actual, ao que a comunidade se trasladou en 1978.
Na actualidade, o centro acolle a 46 persoas, de entre dez meses e 85 anos. A comunidade está formada por catro irmás -Silvia, Carmen, Sabina e Giselle- e un persoal integrado por 21 profesionais. O día a día combina atención sanitaria, rehabilitación, actividades educativas e momentos de convivencia, nun ambiente que busca reproducir a calor dun fogar.
A madre Silvia resume o espírito que inspira este labor cunha frase sinxela: “O Cottolengo desexa facer fogar con elas”. Esa vocación é a que, 75 anos despois do seu nacemento, segue sostendo unha obra que converteu o coidado, a proximidade e a solidariedade na súa principal razón de ser.
