Acción de grazas en Oleiros pola presenza da comunidade de Clarisas Capuchinas

  • O arcebispo mons. Francisco José Prieto destacou a fecundidade evanxélica da vida contemplativa.
  • A xornada estivo unida ao regreso do histórico retablo da Transfiguración ao templo coruñés de Panaderas.
A comunidade de irmás Clarisas Capuchinas de Santa Cruz, en Oleiros, viviu este sábado xornada acción de grazas pola súa presenza contemplativa na Coruña e Oleiros.
A Eucaristía, celebrada ás 13.00 horas no mosteiro oleirense, estivo presidida polo arcebispo de Santiago de Compostela, mons. Francisco José Prieto Fernández, quen destacou na súa homilía no valor espiritual e humano dunha comunidade que durante séculos fixo da oración silenciosa a súa forma de servizo á Igrexa e á sociedade.

A celebración quixo converterse nun recoñecemento a unha historia iniciada na Coruña a finais do século XVII e continuada desde 1982 en Oleiros. A Eucaristía viviuse como unha acción de grazas por unha presenza contemplativa que acompañou durante xeracións a vida espiritual de miles de persoas.
“Hoxe non damos soamente grazas polo que esta comunidade fixestes; damos grazas polo que fostes entre nós”, expresou o arcebispo durante unha homilía profundamente marcada polo ton de gratitude. Ante numerosos fieis, sacerdotes, representantes da familia franciscana e persoas vinculadas ao mosteiro, Prieto Fernández lembrou que a vida contemplativa representa “un inmenso agasallo para unha diocese e para un pobo”.
O prelado destacou ademais que a comunidade de clarisas capuchinas foi durante décadas “unha humilde morada de Deus entre os homes”, primeiro na cidade da Coruña e posteriormente en Santa Cruz de Oleiros. “A oración nunca se perde”, afirmou, destacando  que o legado espiritual das relixiosas permanece vivo máis aló do paso do tempo.
A presenza das clarisas capuchinas en Galicia remóntase a 1682, cando dona Catalina de Estrada promoveu na Coruña a fundación do convento das Capuchinas, inicialmente pensado para acoller a damas e viúvas de escasos recursos. Aínda que o proxecto estaba destinado nun principio ás Carmelitas, finalmente foron as Clarisas Capuchinas quen chegou desde Madrid para establecerse na cidade.
O convento da rúa Panadeiras, obra vinculada a figuras esenciais do barroco galego como Domingo de Andrade e Fernando de Casas e Novoa, converteuse co paso dos séculos nun dos espazos relixiosos máis emblemáticos da Coruña. Nos anos sesenta acolleu ademais as primeiras celebracións estables da eucaristía en lingua galega durante a ditadura franquista.

En 1982, a comunidade trasladouse ao mosteiro de Santa Cruz de Oleiros, onde continuou desenvolvendo a súa vida contemplativa nun ambiente de oración, silencio e acollida espiritual. Ese vínculo entre A Coruña e Oleiros estivo moi presente durante toda a xornada deste sábado.
Horas antes da misa celebrada en Oleiros, o templo das Capuchinas de Panaderas acolleu tamén o acto de bendición do regreso do retablo da Transfiguración, trasladado novamente á súa localización orixinal. Ambos os momentos quedaron unidos por un mesmo sentimento de gratitude cara a unha comunidade que, durante máis de tres séculos, formou parte da historia espiritual, cultural e patrimonial de Galicia.

Previous articleEl retablo de la Transfiguración recupera su lugar en el templo de las Capuchinas de A Coruña
Next articleA Igrexa diocesana celebra en Monteporreiro o Día da Acción Católica e do Apostolado Segrar baixo o lema “Pobo de Deus que sae ao encontro”