A peregrinación de Persoas sen Fogar finaliza na Praza do Obradoiro despois de tres días de convivencia marcados pola ilusión e a esperanza

  • O valor da constancia, o non competir senón apoiarse; son conceptos sobre os que puideron reflexionar durante estas xornadas.
  • O presidente da entidade, Manuel Bretón Romero, o delegado episcopal de Cáritas Diocesana de Santiago, Santiago Fernández e a directora Pilar Farjas, acompañaron a comitiva.
Despois de tres xornadas intensas, os 110 participantes na peregrinación de persoas sen fogar alcanzaron a Praza do Obradoiro finalizando con éxito unha experiencia vivida desde a humanidade que nos identifica e iguala.
Procedentes de 27 Cáritas diocesanas de toda España, coincidían en sinalar a grande achega persoal que supuxo compartir as súas vidas, as dificultades, os soños e as esperanzas como unha forma de sentirse acompañados nos seus problemas e retos persoais.
Para moitos foi a primeira experiencia destas características e poñían de manifesto que “a rúa nos rouba a esperanza; pero con esforzo e perseveranza podemos atopar o camiño cara a unha vida mellor”. O valor da constancia, o non competir senón apoiarse; son conceptos sobre os que puideron traballar e reflexionar coa asistencia dos técnicos e voluntarios de Cáritas Española e de Cáritas diocesana de Santiago de Compostela que se envorcaron con esta importante iniciativa.

A ilusión de contar cun fogar.

A expectativa de todos eles é contar cun fogar onde desenvolver as súas ilusións e ter un proxecto de vida. Unha cuestión que non depende só deles, xa que o senfogarismo é causado por factores económicos (desemprego, alto custo da vivenda), institucionais (falta de políticas de vivenda efectivas, burocracia), relacionales (illamento social, violencia de xénero) ou persoais (discapacidade, problemas de saúde mental, adiccións).

Na xornada de hoxe uníronse á peregrinación o presidente de Cáritas Española, Manuel Bretón Romero, o delegado episcopal de Cáritas diocesana de Santiago e a directora de Cáritas Diocesana de Santigo, Pilar Farjas, que coincidiron en sinalar a necesidade de promover iniciativas que teñan en conta este importante reto e que fomenten a cultura da solidariedade.
Cáritas Española atendeu o pasado ano a 42.336 persoas sen fogar, un 7,2% máis que o ano anterior, segundo a Memoria de actividades. Dous de cada dez son mulleres e a metade, de nacionalidade española.
No centro Vieiro (Santiago), o Albergue San Xavier (Pontevedra) e Cáritas de Arousa, onde se desenvolven os programas de Cáritas Diocesana de Santiago de Compostela, foron atendidas 455 persoas durante 2024. O 29,9% delas declaran non ter ningunha fonte de ingresos. Prevese que o volume real de persoas sen fogar siga incrementándose nos próximos anos.
Os integrantes da peregrinación finalizaron o acto coa realización dunha performance na que compuxeron un mosaico coa imaxe gráfica da campaña NinguénSenFogar de Cáritas e asistindo, posteriormente, á misa do peregrino na Catedral.

 

Fuente: caritas-santiago.org

 

Previous articleServizo Diocesano de prevención e atención de abusos a menores, persoas vulnerables e as súas familias
Next articleSantiago de Compostela inicia a súa Semana Santa cun pregón cargado de historia e espiritualidade