A pastoral de Infancia e Mocidade inicia un curso marcado polo Ano Santo Compostelán 2027

A Delegación de Pastoral de Infancia e Mocidade da Arquidiocese de Santiago comeza o curso 2026-2027 cunha programación de encontros, oración e formación que terá como horizonte o Ano Santo Compostelán. Os mozos terán un papel protagonista na Peregrinación Europea da  Mocidade (PEM), e serán invitados a colaborar como voluntarios na acollida dos miles de peregrinos participantes.
A cargo da delegación atópase Javier García Rodríguez, acompañado por Santiago Romero Trabazo como vicedelegado e Laura Ruiz Roca como vicedelegada para a Infancia. As propostas do novo curso desenvolveranse en colaboración coas áreas de Vocacións e Universidades, con iniciativas dirixidas a adolescentes, novas, nenos, familias e sacerdotes.
Os mozos prepáranse para recibir aos peregrinos do Ano Santo.
A preparación da PEM será unha das tarefas centrais deste curso. A delegación animará aos mozos da diocese para implicarse no voluntariado e a participar na acollida de quen chegue a Compostela durante o encontro europeo. Os detalles iranse dando a coñecer a medida que avance o curso.
Antes desa cita, Santiago será sede do encontro nacional XLT LifeTeen, convocado por LifeTeen España para o sábado 24 de outubro. A proposta está dirixida a adolescentes desde primeiro de ESO ata segundo de Bacharelato e ofrecerá unha tarde de convivencia e encontro que culminará cunha adoración na Catedral.
Compartir a fe desde a infancia ata a mocidade. A Vixilia da Inmaculada e Xornada Diocesana da Mocidade celebrarase o sábado 5 de decembro en Pontevedra. Estará aberta a mozos e mozas a partir de 14 anos e coincidirá co ano xubilar polas aparicións da Virxe a sor Lucía.
A programación reserva tamén unha xornada para os máis pequenos e as súas familias. O sábado 1 de maio de 2027 terá lugar en Santiago de Compostela o Encontro Diocesano de Nenos e Familias, unha das datas principais do calendario pastoral.
A estas convocatorias súmase un novo retiro de Effetá, que se desenvolverá do 13 ao 15 de novembro na Casa Diocesana de Exercicios Espirituais de Santiago. Dirixido a mocidade de entre 18 e 35 anos, propón unha experiencia de encontro co amor de Deus a través de dinámicas e testemuños doutros mozos e mozas. A inscrición como camiñante permite incorporarse a unha lista de espera para a asignación de prazas.
«Luns de curas», un espazo para compartir inquietudes pastorais- O curso inclúe unha nova programación de «Luns de curas», encontros matinais abertos a sacerdotes con inquietudes pastorais. A iniciativa está organizada polas delegacións de Universidades e Cultura, Vocacións, Infancia, Mocidade e Primeiro Anuncio, e abordará experiencias de evangelización, acompañamento e vida parroquial.
A primeira sesión será o 19 de outubro. Fernando Mañó, sacerdote diocesano de Valencia, párroco e responsable nacional das Células Parroquiais de Evanxelización, intervirá baixo o título «Evanxelizando de forma celular».
O 16 de novembro participará Ángel Tello, sacerdote da diocese de Toledo e consiliario nacional de Acción Católica. Na sesión «O elo perdido: 4.40» presentará esta proposta de primeiro anuncio. O 14 de decembro tomará a vez Eduardo do Val, sacerdote de Astorga, párroco en Ponferrada e a súa contorna e responsable diocesano de Primeiro Anuncio, co tema «Deixade que os mortos enterren aos seus mortos».
Xa en 2027, o 15 de febreiro, o irmán Cristian, chileno e membro da comunidade ecuménica de Taizé, en Francia, reflexionará sobre como a vida contemplativa sostén a misión da Igrexa. A súa intervención levará por título «Unha parábola de reconciliación».
O 8 de marzo, Pedro Payá, sacerdote diocesano de Orihuela, delegado de Mocidade e párroco, abordará unha pregunta ligada ao acompañamento dos adolescentes: «E cando terminen a Iniciación Cristiá… que facemos?». Durante o encontro presentará a proposta diocesana ITIO.
A última sesión anunciada terá lugar o 12 de abril con Joaquín Hernández, sacerdote diocesano de Madrid, párroco e influencer. A partir da súa experiencia no desenvolvemento dun proceso de discipulado parroquial, expoñerá «Crecer doe (e é bo sinal). As tres claves para unha parroquia robusta».
Previous articleO Secretariado de Catequese de Galicia presenta o cartel e lema do novo curso 2026-27