A nova casa de acollida de Cáritas Diocesana na Illa de Arousa ofrece resposta estable á emerxencia habitacional na comarca

En plena crise de vivenda que golpea con dureza á comarca de Arousa, onde hai familias que chegan a pagar 500 euros por unha soa habitación, a antiga reitoral da Illa converteuse nun espazo de esperanza. Tras á cesión do Arcebispado de Santiago a Cáritas diocesana, a casa acolle hoxe a familias sen recursos nunha contorna digna, céntrico e próximo a todos os servizos básicos.
A inmoble conta con capacidade para 11 persoas, distribuídas en varias habitacións e zonas comúns, e ofrece non só un teito, senón tamén un itinerario de inclusión social.  Contan con acompañamento profesional, formación en hábitos de convivencia e apoio para acceder a unha vivenda de alugueiro e a un emprego estable.

Falta de vivenda

O arcebispo de Santiago, mons. Francisco José Prieto, e a directora de Cáritas Diocesana de Santiago, Pilar Farjas Abadía, visitaron a vivenda xunto a responsables de Cáritas Interparroquial de Arousa, a súa directora Mar Viqueira e o consiliario David Álvarez. Durante o encontro puideron coñecer a vida cotiá das familias acollidas e o traballo de voluntariado que o fai posible.
O arcebispo aproveitou a visita para bendicir as instalacións, subliñando que “a falta de vivenda é unha das feridas máis dolorosas do noso tempo, e esta casa é unha resposta evanxélica concreta para abrir camiños de esperanza”.
Pola súa banda, Pilar Farjas destacou que “o dereito a unha vivenda digna é unha condición básica para a vida. Aquí ofrecemos non só un teito, senón un camiño cara á integración social e a dignidade”.

Un recurso con raíces e futuro

 A casa de acollida, baixo o lema “Abrir portas á esperanza”, está preparada para acoller ata dúas familias de forma simultánea. A proximidade a centros educativos, farmacia, centro de saúde e zonas de lecer favorece a integración comunitaria e o seu desenvolvemento autónomo.
Con esta iniciativa, Cáritas Diocesana de Santiago responde a un de os problemas máis urxentes da nosa sociedade, onde a falta de oferta de alugueiro e o aumento desorbitado de prezos xeran exclusión e precariedade habitacional. A casa da Illa convértese así nun exemplo de colaboración entre a Igrexa e a comunidade local para dar respostas concretas a quen máis o necesitan.
A casa de acollida da Illa de Arousa intégrase na rede de 39 vivendas de acollida temporal de Cáritas Diocesana de Santiago que supoñen 222 prazas de acollida, reforzando o compromiso da entidade coas familias máis vulnerables e respondendo a unha das necesidades sociais máis urxentes na sociedade actual, como é o acceso á vivenda.

Previous articleO colexio San Francisco cumpre 100 años: un século educando xeracións en Vilagarcía
Next articleO mosteiro de Poio acolle as XXXI Xornadas Sacerdotais de Galicia