Na semana da apertura da Porta Santa e con ela a inauguración do Ano Santo Xubilar compostelán, a Diocese renova o seu campus virtual, https://campus. archicompostela. org/, utilizando a última tecnoloxía dispoñible para adaptalo ás novas necesidades.
Este espazo é unha plataforma en liña complementaria ao portal web da Arquidiocese de Santiago de Compostela, que recolle toda a documentación dunha maneira ordenada e simple, destacando fundamentalmente a gran usabilidade e o deseño adaptativo.
O obxectivo fundamental, segundo o delegado de Medios Manuel Á. Blanco, é ofrecer espazos temáticos claramente diferenciados para que os interesados poidan consultar todos os recursos publicados ou acceder a outros espazos web.
Este sitio virtual é tamén unha plataforma de aprendizaxe que, ademais de poder utilizarse para a formación a distancia, é unha ferramenta importante para complementar as sesións presenciais, difundir os documentos diocesanos, etc.
Así mesmo, as distintas Delegacións Diocesanas teñen á súa disposición esta contorna para crear os seus propios espazos virtuais, non só informativos, senón tamén de traballo colaborativo. Ofrece numerosas vantaxes para todos aqueles que queiran enriquecer o seu traballo co apoio desta contorna virtual:
Como expositor de contidos formativos para ofrecer a todos os diocesanos, documentación, recursos, vídeos, audios…
Como espazo de encontro, non só para o seguimento dos contidos, senón tamén como lugar de debate e rede social, grazas á utilización dos foros, chat, correo e mensaxería, entre outros.
Como espazo de traballo desde o que se poden acceder a recursos e documentación…
Como espazo de actividades colaborativas, xa que ofrece a posibilidade de crear e organizar grupos de traballo.
Como espazo de traballo privado e interno para uso de todos os responsables e colaboradores das Delegacións Diocesanas.
Etc.
Desde o campusArchicompostela pódese acceder a todos os Boletíns Oficiais do Arcebispado desde o ano 2005, a todas as Cartas Pastorais de Monseñor Barrio desde o 2011, así como as alocucións e os programas de Cópea “O Espello” ou todos os números da Revista Barca de Santiago”.
Ademais, pódense consultar as Memorias Anuais de Actividades dos últimos 3 anos, acceder a todos os documentos publicados do Sínodo Diocesano, etc.
En canto aos recursos, están recolleitos todos os contidos utilizados na Escola de Axentes de Pastoral nos máis de 25 espazos temáticos habilitados, así como aos 37 vídeos publicados nas xornadas de maio deste ano.
Con respecto á parte formativa, están xa preparados 14 cursos en liña que a partir de febreiro poñeranse en marcha un ano máis. Na pasada edición 2020, preto de 300 persoas de todos os países matriculáronse nos 8 cursos habilitados. Uns cursos dirixidos aos distintos axentes de pastoral (animadores bíblicos, catequistas, relixiosas/vos, e animadores litúrxicos), ao profesorado de Relixión, e en xeral aos laicos e laicas que estean interesados en iniciar e/ou profundar un proceso de formación na súa fe e misión pastoral.
En definitiva, coa nova actualización do campusArchicompostela, a Diocese de Santiago reforza un espazo web que será fundamental neste ano Santo Compostelán tanto a nivel informativo como formativo.