O pasado xoves 9 de maio, coincidindo coa Solemnidade da Ascensión no Vaticano, o Santo Padre convocou oficialmente o Xubileu 2025 mediante a firma da Bula Spes non confundit.
Por este motivo, un grupo da Arquidiocese, conformado polo Delegado Diocesano para o Ano Santo 2025, Santiago Romero, o Reitor, Manuel Ferreiro, e membros da comunidade educativa do Seminario Menor da Asunción, estiveron presentes na solemne celebración.
Coincidindo con esta celebración, a Arquidiocese de Santiago de Compostela estrea a súa web do Xubileu 2025 (https://jubileo25.archicompostela.es/ que xa presenta algúns dos contidos máis importantes para coñecer o acontecemento xubilar (descrición do Xubileu 2025, a Bula, o Himno e Logo, a Carta do Papa Francisco, a tarxeta do Peregrino, un formulario de contacto, etc), así como todas as noticias diocesanas relacionadas co Xubileu 2025.
Nela tamén se poden atopar os distintos materiais relacionados con este ano da Oración e co Ano do Concilio.
A nivel práctico, irá tamén aparecendo a información relativa á gran Peregrinación Diocesana e á participación diocesana nas distintas citas xubilares: catequistas, novos, familias etc.






