A Arquidiocese de Santiago asume a titularidade do Colexio A Milagrosa de Oleiros-Ribeira

O Arcebispado de Santiago de Compostela e a Provincia España Norte das Fillas da Caridade de San Vicente de Paúl alcanzaron un acordo para o cambio de titularidade do Colexio A Milagrosa – Josefa Sobrido, situado en Oleiros-Ribeira, que pasará a integrarse na Fundación Ultreia, recentemente constituída polo Arcebispado.
Este acordo é froito dun proceso de diálogo, reflexión e discernimento compartido entre ambas as institucións, desenvolvido desde unha vontade común: garantir a continuidade, estabilidade e fortalecemento do proxecto educativo, pastoral e social que o centro vén ofrecendo desde fai máis dun século ao servizo das familias e da sociedade. A decisión responde tamén á realidade actual da Compañía Fillas da Caridade, cuxa escaseza de vocacións provoca a dificultade de substitución, e nace desde o compromiso responsable de asegurar o futuro da obra educativa, preservando a súa identidade, os seus valores e a súa presenza na zona.
A historia do Colexio está profundamente unida ao legado de Dona Josefa Sobrido, cuxa visión e compromiso fixeron posible o nacemento desta obra educativa. Desde aquela primeira iniciativa marcada polo desexo de ofrecer unha educación próxima, humana e baseada en valores cristiáns, o centro creceu ata converterse nunha referencia educativa e social para Oleiros e a súa contorna. Aquela casiña humilde cedida por Dona Josefa Sobrido, converteuse hoxe nun gran Colexio, pola permanencia e o traballo ininterrompido durante máis de 100 anos, de Fillas da Caridade.
Desexamos expresar o seu profundo agradecemento a todas as persoas que, ao longo dos anos, formaron parte da historia do colexio: Irmás, equipos directivos, profesorado, persoal de administración e servizos, familias, alumnado e comunidade educativa en xeral. Grazas á súa dedicación, entrega e compromiso foi posible construír unha obra educativa profundamente arraigada nos valores do Evanxeo, o servizo, a proximidade e a atención ás persoas máis vulnerables. De xeito especial, as Fillas da Caridade queren recoñecer o labor e a entrega de tantas Irmás que, xeración tras xeración, dedicaron a súa vida a esta misión educativa e humana, facendo do colexio un espazo de acollida, acompañamento e formación integral para miles de nenos, nenas e familias.
O Arcebispado de Santiago de Compostela, a través da Fundación Ultreia, asume esta nova etapa con responsabilidade, ilusión e vocación de continuidade, garantindo o mantemento do proxecto educativo e pastoral do centro, a estabilidade da comunidade educativa e o sostemento tanto da actividade educativa como das instalacións.
Ambas as institucións comparten a vontade de preservar o carácter propio do colexio e manter viva unha misión educativa centrada na formación integral da persoa, o acompañamento próximo, a excelencia educativa e o compromiso cos valores humanos e cristiáns. O colexio desenvolveu historicamente  a súa misión educativa baixo o lema “Saber máis para servir mellor”, unha expresión que resume o espírito co que xeracións de educadores e educadoras entenderon o ensino: formar persoas comprometidas, preparadas e sensibles ás necesidades dos demais.
Tanto o Arcebispado de Santiago de Compostela como as Fillas da Caridad queren trasladar unha mensaxe de tranquilidade, confianza e esperanza ás familias, profesionais e alumnado, reafirmando que este acordo nace co obxectivo de asegurar a continuidade e sustentabilidade futura dunha obra educativa profundamente vinculada á historia e á vida de Oleiros.
Previous articleO arcebispo de Santiago visita a Cociña Económica e recoñece o seu labor social coas persoas máis vulnerables
Next articleMuxía será sede da II Xornada de Pastoral do Turismo da Arquidiocese de Santiago