Xornada Pro Orantibus . Solemnidade da Santísima Trindade

Vida Contemplativa: ¿Por quen es?

Aos que na nosa Igrexa profesades a vida contemplativa

Irmás e irmáns moi queridos no Señor:

Na solemnidade da Santísima Trindade a Igrexa en España, nai gozosa e agradecida polas súas fillas e fillos entregados á vida contemplativa, celebra a Xornada Pro Orantibus. Esta Xornada invítanos cada ano a dirixir a mirada e o corazón cara ás comunidades contemplativas presentes na nosa diocese de Santiago de Compostela. É unha ocasión de graza para agradecer o don de quen consagrou a súa vida á oración, o encomio e a intercesión silenciosa pola Igrexa e polo mundo.

O lema deste ano, «Vida contemplativa, por quen es?», sitúanos ante unha pregunta esencial. Non se trata de medir a vocación desde criterios de utilidade ou eficacia, senón de volver ao centro de toda existencia cristiá: descubrir por quen vivimos, esperamos e entregamos a vida.

A vida contemplativa nace de Deus

A vida contemplativa non xorde dun proxecto meramente humano. Nace dunha iniciativa divina: é resposta a Deus que chama, atrae e consagra. Como lembraba recentemente o papa León XIV (Mensaxe para a LXIII Xornada Mundial de Oración polas vocacións, 16 de marzo de 2026), toda vocación é un proxecto de amor e felicidade. Así o testemuñan quenes, desde o silencio dos mosteiros, buscan ao Señor como o ben supremo da súa existencia.

A tradición monástica resumiu esta experiencia na expresión quærere Deum, buscar a Deus. Esa procura constitúe o núcleo da vida contemplativa e lembra a toda a Igrexa que o corazón humano só atopa descanso en Deus, como escribiu Santo Agostiño de Hipona: «Fixéchesnos, Señor, para ti, e o noso corazón está inquieto ata que descanse en ti» (As Confesións I, 1, 1).

Unha vida escondida e fecunda

Nunha sociedade marcada pola présa, o ruído e a dispersión interior, a vosa vida —queridas irmás e irmáns contemplativos— proclama silenciosamente que Deus basta. A vosa existencia lembra que o ser humano vale máis polo que é ante Deus que polo que produce, e que o silencio pode converterse en lugar de encontro, escoita e esperanza. Por iso a vida contemplativa non pertence unicamente a quen a profesa. É un don para toda a Igrexa e, dalgún xeito, para toda a humanidade.

Para a Igrexa

Por iso a vida contemplativa é un don para toda a Igrexa. Aínda que vivida en clausura, non está separada do mundo nin dos seus sufrimentos. Na oración cotiá dos mosteiros son presentadas ante o Señor as alegrías e feridas da humanidade, as necesidades da Igrexa, as familias, os pobres, os enfermos e quen perdeu a esperanza.

Toda acción evanxelizadora necesita esta fonte interior. A Igrexa sabe que a misión nace da oración e volve continuamente a ela. Por iso os mosteiros son verdadeiros corazóns orantes das nosas dioceses.

 

Para o mundo

A vida contemplativa é tamén para o mundo, mesmo cando o mundo non comprende plenamente o seu sentido. Desde o silencio dos claustros, desde a sinxeleza da vida cotiá, desde a fidelidade perseverante da oración, os contemplativos sosteñen misteriosamente a historia humana e abrazan o sufrimento do noso tempo: as guerras, as divisións, as inxustizas, o drama dos migrantes, a soidade dos anciáns, as feridas das familias, a pobreza material e espiritual de tantos homes e mulleres.

E é tamén un signo profético para o noso tempo. No medio dunha cultura frecuentemente marcada polo individualismo e a fragmentación, a fraternidade vivida nas comunidades contemplativas testemuña que a comuñón é posible cando Deus ocupa o centro da vida.

 

Con gratitude e corresponsabilidade

Celebrar esta Xornada Pro Orantibus significa tamén renovar a nosa gratitude e corresponsabilidade. Gratitude cara a quen sostén silenciosamente a vida da Igrexa desde a fidelidade cotiá. E corresponsabilidade para coidar, acompañar e soster esta vocación imprescindible, rezando especialmente por novas vocacións contemplativas. Toda a comunidade diocesana está chamada a coidar e soster a vida contemplativa. Isto implica proximidade espiritual, apoio fraterno, estima auténtica e oración polas vocacións contemplativas.

Necesitamos que as novas xeracións poidan escoitar tamén esta chamada radical a buscar a Deus. Necesitamos axudar a descubrir que a vocación contemplativa non é unha renuncia estéril, senón unha forma luminosa de plenitude evanxélica. Convido especialmente ás nosas parroquias, movementos, seminarios e familias cristiás a cultivar unha relación máis próxima cos mosteiros da nosa diocese. Alí atopamos non só lugares de oración, senón verdadeiras escolas espirituais para o noso tempo.

Queridas comunidades contemplativas: a diocese vos quere e vos necesita. Grazas pola vosa fidelidade vivida no silencio, pola vosa oración perseverante e por manter viva, no medio do mundo, a primacía de Deus. Non deixedes de interceder por esta Igrexa diocesana de Santiago. Rezade polas nosas familias, polos mozos, polos sacerdotes, polas vocacións, polos pobres e polos que viven afastados da fe.

Pedimos que a Virxe María, muller do silencio e da escoita, acompañe o voso camiño e sosteña a vosa alegría, e que, pola súa maternal intercesión, todos alcancemos a vivir con mirada contemplativa e a descubrir que toda verdadeira esperanza e toda fecundidade apostólica nacen da unión con Cristo.

Na comuñón do Deus Un e Trino, envíovos un cordial saúdo coa miña bendición.

Francisco José Prieto Fernández
Arcebispo de Santiago de Compostela

Previous articleA Pobra do Caramiñal rinde homenaje y agradece el compromiso educativo y pastoral de las Misioneras del Divino Maestro
Next articleA PJUV celebra este sábado o seu encontro diocesano en Santiago