Con motivo da Xornada Prol Orantibus, celebrada este ano o domingo da Solemnidade da Santísima Trindade, o arcebispo de Santiago de Compostela, Mons. Francisco José Prieto Fernández, dirixiu unha carta pastoral titulada “Orar con FE, vivir con ESPERANZA”, na que expresa o seu recoñecemento e gratitude cara ás comunidades de vida contemplativa presentes na diocese.
“Volve ás nosas vidas a Xornada Prol Orantibus, unha ocasión para o encontro agradecido coas comunidades de vida contemplativa presentes na nosa diocese”, comeza o prelado, destacando ademais que esta celebración enmárcase no contexto do Ano Xubilar 2025 e do 1700 aniversario do Concilio de Nicea.
Mons. Prieto convida a renovar a profesión de fe como expresión de comuñón: “Cremos en Deus, Pai todopoderoso; cremos en Xesucristo, o seu único Fillo; cremos no Espírito Santo, que procede do Pai e do Fillo”. A partir desta base, desenvolve unha reflexión sobre como a fe e a esperanza iluminan e sosteñen a vida cristiá, especialmente en tempos de dificultade.
“A fe, antes de ser virtude que nos permite orar, é luz que nos fai oración, pois nos fai de Dios”, escribe o arcebispo. E engade: “Aí, no corazón da Trindade santa, aprendemos a escoitar como fillos, a obedecer como fillos, a amar como fillos, a traballar como fillos, a orar como fillos”.
Respecto a a esperanza, Mons. Prieto lembra que os crentes non viven de costas ao mundo, senón que están chamados a transformar a realidade desde a fe: “Necesitamos saír cara á terra que o Señor nos ha mostrado á luz da fe. El é a esperanza con que vivimos”. E puntualiza: “A vida empeza aquí, a comuñón empeza aquí, o ceo empeza aquí”.
Na súa mensaxe, o arcebispo dedica unhas palabras especiais ás persoas consagradas na vida contemplativa, a quen considera un testemuño constante do esencial: “Vós, coa vosa vida, coa vosa oración, remitides continuamente á certeza do que esperamos, a inconsistencia do que vemos”. E recoñece o valor da súa entrega silenciosa: “En nome de todos, presentades oracións a Deus cada día en tantos mosteiros e conventos que poboan de silencio e contemplación a nosa xeografía diocesana”.
Mons. Francisco José Prieto conclúe a súa carta asegurando que toda a Igrexa de Santiago leva aos contemplativos no corazón e agradécelles a súa fidelidade: “Contade co agradecemento e o agarimo de la Iglesia en Santiago de Compostela, que se une á vosa oración a Deus Pai por Xesucristo no Espírito”.
————————–
Xornada Pro Orantibus
Solemnidade da Santísima Trindade
15 de xuño de 2025
Orar con FE, vivir con ESPERANZA
A cantos na nosa Igrexa profesades a vida contemplativa
Irmás e irmáns moi queridos no Señor:
Volve ás nosas vidas a Xornada Prol Orantibus, unha ocasión para o encontro agradecido coas comunidades de vida contemplativa presentes na nosa diocese; unha ocasión para compartir con todos o don da fe e o gozo da esperanza que non defrauda (cf. Rom 5,5) neste ano Xubilar Romano 2025.
A fe con que oramos
Neste ano Xubilar conmemórase un aniversario moi significativo para todos os cristiáns: cúmprense os 1700 anos da celebración do primeiro gran Concilio ecuménico de Nicea. Nesta festa solemne da Santísima Trindade renovemos, como expresión de comuñón, a profesión da fe que anunciamos, celebramos e vivimos: Cremos en Deus, Pai todopoderoso; cremos en Xesucristo, o seu único Fillo; cremos no Espírito Santo, que procede do Pai e do Fillo.
Confesamos que, pola fe e o bautismo, estamos en comuñón co Fillo de Dios; confesamos que fomos agraciados en Cristo con toda clase de bens espirituais e celestiais; confesamos que Deus, polo gran amor con que nos amou, fíxonos revivir con Cristo, resucitounos con Cristo Xesús, sentounos no ceo con el (cf. Ef 2, 4-6). Nese Fillo, entregado por nós para que teñamos vida eterna, temos a medida sen medida do amor que Deus nos ten.
Cada día, no secreto da oración, asomámonos asombrados e agradecidos a ese misterio de amor; cada día, se queremos saber de nós, buscámonos e achámonos en Cristo Xesús, no seo da Trindade santa, en comuñón co Fillo de Deus, no corpo do Fillo de Deus, guiados e iluminados polo Espírito que procede do Pai e do Fillo, para que en todo busquemos facer a vontade do noso Pai do ceo.
A fe, antes de ser virtude que nos permite orar, é luz que nos fai oración, pois nos fai de Deus, e nesa condición nosa de fillos no Fillo, a fe déixanos referidos ao Pai en todo tempo e lugar. Aí, no corazón da Trindade santa, aprendemos a escoitar como fillos, a obedecer como fillos, a amar como fillos, a traballar como fillos, a orar como fillos. Esa é a fe con que oramos: “A luz da fe non disipa todas as nosas tebras, senón que, como unha lámpada, guía os nosos pasos na noite, e isto basta para camiñar” (Lumen fidei 57).
A esperanza con que vivimos
Homes e mulleres aos que a fe fixo moradores de Dios, atopámonos vivindo nun mundo do que Divos parece ser o gran ausente, nun mundo acollido á seguridade enganosa dos seus celeiros repletos de “bens para moitos anos”, nun mundo cuxo horizonte de vida parece ser o “tómbate, come, bebe e dáte á boa vida”.
Por iso, os homes e mulleres de fe necesitamos abrir camiños á esperanza. E esta só é posible para pobres con fe. Necesitamos abrazar a pobreza e humildade do noso Señor Xesucristo. Necesitamos saír cara á terra que o Señor nos ha mostrado á luz da fe. El é a esperanza con que vivimos.
Puidese parecer que miramos unicamente cara a Deus, a iso que afacemos chamar ceo; pero non é así: a vida empeza aquí, a comuñón empeza aquí, o ceo empeza aquí. No aquí e no hoxe han de ser a fraternidade, a unidade e a paz; ao noso tempo hase de achegar o reino de Dios e entre nós hase de facer presente a humanidade nova da que Cristo Xesús é o primeiro home.
Con esperanza camiñamos cara a ese mundo que a fe pon diante dos nosos ollos e con esperanza movémonos cara ao que cremos, cara ao que o noso corazón confesa do Pai, do Fillo, do Espírito, e de nós mesmos.
O que vós nos lembrades
Na comunidade eclesial, vós, os consagrados ao Señor na vida contemplativa, sodes unha memoria permanente do que cremos, do que somos, e do que esperamos. Vós, coa vosa vida, coa vosa oración, remitides continuamente á certeza do que esperamos, a inconsistencia do que vemos. Vós axudádesnos a todos a orar con fe e a vivir con esperanza.
E todos vos levamos no corazón, porque nos lembrades o amor de Deus, e porque, en nome de todos, presentades oracións a Deus cada día en tantos mosteiros e conventos que poboan de silencio e contemplación a nosa xeografía diocesana.
Contade co agradecemento e o agarimo de la Iglesia en Santiago de Compostela, que se une á vosa oración a Deus Pai por Xesucristo no Espírito. En comuñón de fe, esperanza e caridade, envíovos un cordial saúdo coa miña bendición.
Mons. Francisco José Prieto Fernández
Arzobispo de Santiago de Compostela










