A Semana Santa de Santiago propiamente dita arrinca o vindeiro venres, 22 de marzo, o Venres de Paixón, e vaise a prolongar ata o domingo, 31, Domingo de Pascua. Aínda que, en Santiago, o seguinte domingo, Dominica in albis, o 7 de abril, é tradición que teña lugar unha procesión onde se traslada o Santísimo Cristo da Paciencia desde a Catedral ata o seu barrio de Conxo.
Pero hoxe sábado, 9 de marzo en San Domingos de Bonaval, tivo lugar o pregón da Semana Santa compostelá. Nesta ocasión correu a cargo de Miguel Ángel Sánchez, organista, mestre de educación musical. A música, por razóns evidentes, transfórmase, nesta ocasión, no fío argumental do pregón deste ano.
Miguel empezou na Semana Santa hai anos, el era alumno do colexio San Francisco Javier, dos xesuítas. Alí tivo o seu primeiro contacto coa Confraría do Flaxelado: “Eu era alumno e alí estaba a confraría. Case todos os alumnos, nalgún momento, iamos pasando pola confraría. E moitos quedamos e aí estamos despois de 30 anos”.
Ao acto, asistiron o arcebispo de Santiago de Compostela, mons. Francisco Prieto Fernández, o Vigairo Xeral, José Andrés Fernández Farto, e o Chanceler e Delegado para a Liturxia, Elisardo Temperán Villaverde, así como outras autoridades e membros das Confrarías da cidade compostelá.






