- Fieis de toda a comarca reúnense no Templo Novo nunha celebración penitencial.
- O arcebispo de Santiago, mons. Francisco José Prieto, invita a “volver e amar” como camiño de conversión.
Na tarde do 20 de marzo, a igrexa do Templo Novo de Sanxenxo tivo lugar unha celebración penitencial que reuniu a fieis de distintas parroquias da comarca. O acto desenvolvese nun clima de recollemento, oración e activa participación.
O encontro estivo presidido polo arcebispo de Santiago de Compostela, mons. Francisco José Prieto Fernández, acompañado por sacerdotes da zona, no contexto da cuarta semana de Coresma, un tempo litúrxico orientado á preparación interior da Pascua.
Durante a homilía, o prelado centrou a súa mensaxe en dous verbos esenciais para a vida cristiá: “volver e amar”. A través deles, explicou o sentido profundo da conversión, entendida non como un acto superficial, senón como un regreso sincero o corazón de Deus. “Volver significa achegarnos porque alguén nos espera”, sinalou, convidando os fieis a vivir este momento como unha auténtica experiencia de encontro.
O arcebispo chamou a vivir a celebración penitencial desde a verdade persoal: “Presentémonos ante Deus con toda verdade, e el curaranos”, afirmou. Nesta liña, subliñou o carácter curador do perdón divino, lembrando que “Deus vén curar a nosa deslealdade, a miña fraxilidade”.
Así mesmo, o arcebispo vinculou a conversión coa aprendizaxe do amor verdadeiro, lembrando o mandato evanxélico de amar a Deus e ao próximo. Segundo explicou, moitas debilidades humanas nacen de non saber amar correctamente, xa sexa por egoísmo ou por priorizar outras realidades por encima de Deus.












