O arcebispo de Santiago de Compostela, mons. Francisco Prieto, esta participando na 124ª Asemblea Plenaria na sede da Conferencia Episcopal Española (CEE) do 18 ao 22 de novembro de 2024.
Na Asemblea os bispos van dialogar sobre tres acontecementos relevantes na vida da Igrexa neste curso:
O Sínodo dos bispos, cuxa fase final se celebrou en Roma o pasado mes de outubro.
O Xubileu 2025 e a participación da CEE nas distintas convocatorias organizadas co lema «Peregrinos da esperanza».
O Congreso Nacional de Vocacións, asemblea de chamados para a Misión, que se vai celebrar en Madrid do 7 ao 9 de febreiro.
Tamén se previu un tempo para o diálogo sobre o documento final do plan de posta en marcha dos criterios para a reforma dos seminarios en España e sobre a reestruturación dos institutos teolóxicos e institutos superiores de ciencias relixiosas.
Como é habitual na Plenaria de novembro, os bispos estudarán, para a súa aprobación, o orzamento do Fondo Común Interdiocesano e da Conferencia Episcopal para 2025.
Os bispos recibirán información sobre o estado actual do grupo Ábsida (TRECE E COPE), do secretariado para o Sostemento da Igrexa, do órgano de cumprimento normativo e de Mans Unidas. Ademais, Axuda á Igrexa Necesitada presentará a iniciativa Redweek, coa que convida a abrir os ollos á realidade dos cristiáns perseguidos no mundo por mor da súa fe.
A Plenaria dedicará un tempo para que os presidentes das Comisións Episcopais comuniquen as súas actividades e proxectos. Ademais, abordaranse distintos asuntos de seguimento. Complétase a orde do día co capítulo dedicado ás asociacións nacionais.











