O arcebispo de Santiago, monseñor Francisco José Prieto Fernández, visitou as instalacións do comedor social de Cáritas Interparroquial de Arousa, onde departiu cos usuarios que naqueles momentos permanecían nas dependencias e cos que compartiu unha comida. No centro foi recibido por a directora da entidade, Mar Viqueira Villaverde e o equipo de técnicos e voluntarios que prestan servizos nos distintos departamentos.
O prelado compostelán estivo acompañado por Santiago Fernández González e Pilar Farjas Abadía, delegado episcopal e directora diocesana, respectivamente. O arcebispo díxolles aos usuarios que a entidade estaba para axudalos en todo o que precisen.
Monseñor Prieto Fernández está a realizar distintos percorridos diocesanos por centros, albergues, residencias e comedores, nos que Cáritas desenvolve os seus programas de atención destinados ás persoas necesitadas. A de onte era unha visita programada con motivo da Campaña de Persoas sen Fogar e que tivo que ser aprazada no seu día por cuestións de axenda do arcebispo compostelán
O perfil maioritario das persoas que acoden ao comedor social de Cáritas Arousa é un home de entre 35 e 65 anos, de nacionalidade española. No centro foron atendidas 341persoas das que o 19% eran mulleres.
Durante o encontro mencionáronse algúns datos relacionados coa atención levada a cabo no comedor social: Media diaria de persoas atendidas 35-40, as fins de semana 55-60, e comidas servidas entre xaneiro a novembro, 13.928.
Ao longo deste ano o centro dinamizouse con múltiples actividades e servizos como foron os cursos de formación e emprego, as xornadas técnicas e os encontros informativos.
É moi significativa a colaboración do voluntariado vinculado a Cáritas destacando o incremento de mocidade en todos os servizos.