NUNTIARE: un evento á luz da palabra

O vindeiro sábado, 16 de decembro, vaise celebrar o 1º evento de evanxelización, “Nuntiare. Á luz da palabra”, un proxecto que naceu na parroquia de San Fernando de Santiago de Compostela, baixo a coordinación de Eloy Xesto, director escola inventa, e de José María Pintos Recarey, Arcipreste da cidade De Santiago de Compostela e párroco de San Fernando.

A finalidade non é outra que a de achegarse á Biblia para anunciar o kerigma, inspirarse, e poñer no centro a forza e a luz da palabra.

Os seus organizadores consideran que é un encontro “para axudarnos a atopar a Esperanza, o Camiño e o Amor “nestes tempos de desesperanza e confusión, nos que necesitamos vivir a alegría do evanxeo”. Insisten en que se trata dun evento dinámico “que quere mostrar unha igrexa viva e esperta, conectada aos problemas do mundo, unha igrexa caritativa e aberta, pero fiel á súa doutrina, á palabra de Xesucristo”.

En canto ao contido, os Momentos Nuntiare son relatorios de máximo 11 minutos, que parten de pasaxes do evanxeo. Son os relatorios dos alumnos que participaron no novo curso de falar en público «Á luz da palabra». Persoas que veñen de diferentes ámbitos: a universidade, a empresa, o sector público ou a educación, entre outros.

Contarase tamén con invitados especiais: Javier Portela, músico; Borja Milans do Bosch, mentor en liderado humanista; Pietro Ditano, cineasta, actor e profesor de actuación; Javier García, delegado de pastoral de Infancia e Mocidade; Ricardo Sanjurjo, delegado de pastoral Universitaria e José María Pintos, director espiritual de «Nuntiare”. A canción “O teu Amor” de Javier Portela, será o tema musical do evento. Pechará o encontro o arcebispo de Santiago, monseñor Francisco José Prieto Fernández, cun relatorio no que falará de “Unha Igrexa en saída, novos Camiños”.

Este seminario está destinado a calquera persoa, crente ou non crente, practicante ou non practicante “que necesita vivir con esperanza, ser feliz e atopar a verdade”, segundo  a convocatoria feita pública polos organizadores. Para asistir ao encontro é necesario rexistrarse na web: wwww.alaluzdelapalabra.org ,e para seguilo por streaming, acceder á Canle de You Tube: @alaluzdelapalabranuntiare. Os organizadores esperan que sigan o evento en directo miles de persoas desde diferentes lugares do mundo, cun especial seguimento en países Hispanoamericanos.

 

 

Previous articleMons. Prieto presenta a Ricardo Sanjurjo como novo párroco de Santa María de Sar
Next articleBoletín oficial de Outubro (2023)