Monseñor Barrio resalta a importancia do Rosario na celebración da patroa de A Coruña

  • O arcebispo presidiu a Eucaristía en honra da Virxe do Rosario na igrexa dos Dominicos

“Esta tarde reunímonos a comunidade cristiá para venerar con filial afecto a Patroa da Cidade, Nosa Señora do Rosario. Un acontecemento que conmemoramos con fondura relixiosa, sendo un faro orientador no medio das inquedanzas da nosa vida,­ e unha manifestación de piedade mariana que encontra nesta cidade un eco especial”. Así se expresaba o arcebispo na Eucaristía que presidiu hoxe na igrexa dos Dominicos na Coruña, con motivo da festa de Nosa Señora do Rosario, unha cerimonia que contou coa presenza da alcaldesa da cidade herculina, Inés Rey.

Monseñor Barrio destacou a importancia do rezo do Rosario, “unha oración que se encadra ben no camiño espiritual dun cristianismo que logo de dous mil anos, non perdeu nada da novidade das orixes e séntese empuxado polo Espírito de Deus a remar mar dentro, para anunciar, máis aínda, proclamar a Cristo ao mundo como Señor e Salvador”.

Ademais, o arcebispo resaltou a achega da fe á sociedade e indicou que “marxinar a Deus non libera o home. A vida escurécese se non se abre a Deus, referencia para entender e organizar a nosa vida eclesial, social, cultural e política nunha sociedade moi gretada que debe preocuparse polas persoas maiores, polos descartados e marxinados, polos mozos aos que hai que dar motivos de esperanza e polos que perderon o traballo ou están en risco de perdelo. Sexamos capaces de agradecer o moito que persoas e institucións fan polo ben común de todos. A crise da conciencia e da vida moral está afectando os costumes e principios inspiradores da nosa conduta e xerando desconfianza”.

Nese senso, monseñor Barrio dixo que “fiarnos de Deus é recuperar a confianza e superar todo relativismo. A Virxe María adheriuse responsablemente á vontade de Deus; e a súa acción estivo animada polo espírito de servizo, sempre atenta ás necesidades dos demais”.

“Expresamos a María o noso amor filial e pedímoslle que nos socorra para evitar todo aquilo que nos afasta de Deus e dos demais. Ela segue sendo contemporánea nosa, “guía segura do noso camiño”. Acollo a súa ofrenda, Sra. Oferente, para poñela no altar dicindo a María: “Volve a nós eses teus ollos misericordiosos”, rematou dicindo o arcebispo.

Previous articleArcebispado e Xunta suscriben dous convenios para apertura de igrexas no Camiño e construción de reixas en distintos templos das rutas francesa e portuguesa
Next articleO Bispo auxiliar explica na Coruña os contidos do Programa Pastoral Diocesana