- O arcebispo agradece ás Relixiosas do Sagrado Corazón unha vida de entrega que fixo visible “o rostro misericordioso de Deus na Igrexa de Santiago”.
- A educación, o acompañamento e o coidado das persoas centran o recoñecemento a unha congregación cunha profunda pegada na comunidade cristiá.
- Monseñor Prieto destaca que a comuñón permanece máis aló da despedida e anima a conservar unha memoria agradecida por tantos anos de servizo.
A Arquidiocese de Santiago viviu este sábado 21 de novembro unha celebración de acción de grazas e despedida das Relixiosas do Sagrado Corazón. A Eucaristía, celebrada a las 17.00 horas e presidida polo arcebispo de Santiago, monseñor Francisco José Prieto Fernández, estivo marcada polo recoñecemento a unha presenza que durante anos formou parte da vida da Igrexa compostelá.
Durante a súa homilía, o arcebispo centrou a súa reflexión na gratitude cara a unhas relixiosas que fixeron visible, coa súa vida e a súa misión, o rostro misericordioso de Deus. Á luz das lecturas proclamadas, lembrou que a fe se expresa especialmente no servizo a quen máis necesitan ser acollidos, coidados e acompañados.
Monseñor Prieto evocou a imaxe evanxélica do Bo Pastor que sae en busca da ovella perdida para explicar que Deus se fai presente alí onde hai entrega, proximidade e coidado dos máis vulnerables. Neste contexto, sinalou que o xuízo do que fala o Evanxeo de san Mateo é, ante todo, “un exame libre sobre o amor”, unha chamada a recoñecer a Cristo nos pobres, os enfermos, os esquecidos e quen sofre.
O arcebispo vinculou esta reflexión coa traxectoria das Relixiosas do Sagrado Corazón, cuxa presenza, afirmou, deixou unha profunda pegada na comunidade cristiá. “Grazas”, repetiu en varias ocasións, invitando os fieis a contemplar o froito dunha vida entregada que permanece na memoria e no corazón de tantas persoas.
Destacou a importancia de gardar e valorar os recordos dunha presenza que soubo transmitir o carisma recibido de santa Magdalena Sofía Barat, levando o amor do Corazón de Xesús á educación, a formación e o acompañamento das persoas.
O prelado puxo ademais en valor a contribución das relixiosas ao ámbito educativo, que definiu como un espazo fundamental para sementar esperanza na sociedade. Lembrou que sen educación resulta difícil construír un proxecto común e manter viva a confianza no futuro, agradecendo o compromiso que a congregación desenvolveu neste campo ao longo dos anos.
A homilía estivo tamén marcada pola referencia á vida fraterna, a oración e o servizo silencioso que caracterizaron a misión das relixiosas. O arcebispo deu grazas pola vida compartida entre as irmás presentes e pola de todas aquelas que, ao longo do tempo, formaron parte desta historia de servizo á Igrexa.
Monseñor Prieto destacou que a comuñón permanece. “Unha comuñón que non distancia”, afirmou, lembrando que os vínculos nados da fe e da entrega continúan máis aló dos cambios de lugar ou de etapa.
Na súa mensaxe final, animou á comunidade para recoñecer en cada persoa un don de Deus e a seguir construíndo unha Igrexa que, ao estilo de Cristo, distínguese por amar e servir. Unha invitación que se converteu tamén no mellor agradecemento ás Relixiosas do Sagrado Corazón por unha vida entregada ao Evanxeo, á educación e ao coidado das persoas.






