Mensaxe de Pascua de Resurrección a todos os diocesanos e aos que nos visitan nestes días

O anoitecer do sábado santo situábanos no horizonte novo da Resurrección de Cristo, descubrindo o triunfo da vida sobre a morte, do gozo sobre a dor e do ben sobre os poderes opresores deste mundo. Mensaxe esperanzadora é anunciar que Deus se fai presente na nosa historia e fai súa a causa do ser humano no medio das guerras, violencias e inxustizas.

O amor de Deus en Cristo Resucitado fainos próximos, a súa verdade fainos libres, a liberdade dignifícanos e a xustiza fortalécenos, nun mundo chamado a transformarse conforme aos plans de Deus. Non son palabras sen contido. Os cristiáns como os apóstolos, cheos de alegría, habemos de dicir: “Vimos o Señor” que se manifesta no rostro do ser humano incomprendido, perseguido, marxinado, enfermo e pobre material ou espiritualmente. El precédenos na Galilea dos nosos afáns, dúbidas e inquietudes. Acompáñanos no  camiño da historia, peregrinando ao noso lado como fixo cos discípulos de Emaús.

Tamén hoxe se nos chama a volver á comunidade eclesial, a testemuñar o gozo pascual, a buscar os bens de alá arriba e a desposuírnos “do vello fermento para ser nova masa” coa que habemos de facer o pan da nova civilización do amor, sendo testemuñas da nosa condición de fillos de Deus e de irmáns os uns dos outros. Non busquemos o Señor nos dominios da morte! Os cristiáns non vivimos de fantasías nin de rituais ou tradicións estériles: vivimos da forza dinamizadora da resurrección de Cristo, selo da súa autenticidade divina e da verdade da súa causa, que confirma a nosa fe e dá sentido á nosa vida. Cristo resucitado é a nosa esperanza!

Vivir o dinamismo da Pascua é mirar cada mañá con ollos novos o mundo, descubrir cada día nos nosos irmáns os trazos de Xesús, e non quedarnos ensimesmados no noso pasado, chorando sobre as nosas ruínas ou lamentando o noso desánimo. Como di o papa Francisco, “a dinámica dos cristiáns non é reter con nostalxia o pasado, senón acceder á memoria eterna do Pai, e isto é posible vivindo unha vida de caridade”. “Non temades”, “alegrádevos”, “ide e anunciade”.

A todos deséxovos a alegría irresistible do encontro co Señor resucitado. Feliz Pascua de Resurrección do Señor!

+ Julián Barrio Barrio,
Administrador Apostólico

Previous articleFelicidades, D. Francisco!
Next articleEntrevista a D. Julián Barrio no programa "Bos días" da TVG