Querido Sr. Cardenal Oferente, Presidente da Conferencia Episcopal Española. Saúdo tamén con fraternal afecto aos Sres. Cardeais, ao Sr. Nuncio, aos Sres. Arcebispos, Bispos e Administradores diocesanos, aos Sacerdotes, aos membros de Vida Consagrada e aos Laicos que colaboran na Conferencia Episcopal, que como peregrinos chegastes esta mañá para participar nas grazas xubilares. O meu profundo agradecimiento ao Sr. Nuncio, representante do Papa Francisco, por ternos querido acompañar nesta peregrinación da Conferencia Episcopal da Igrexa que peregrina en España, co noso afecto filial ao Sucesor de Pedro! A miña gratitude a vós, queridos irmáns, por este signo de comuñón fraterna que tanto motiva a esta Igrexa compostelana!
Bienvenidos á Casa do Apóstolo Santiago! A Arquidiocese acóllevos na bondade da súa hospitalidade como os discípulos de Emaús acolleron a Xesús logo de telos acompañado no camiño. Non poden ser alleos á caridade aqueles que camiñan con quen é a Verdade. O Ano Santo é “tempo favorable para curar as feridas, para non cansarnos de buscar a cantos esperan ver e tocar coa man os signos da proximidade de Deus, para ofrecer a todos, o camiño do perdón e da reconciliación… e para cultivar a memoria penitencial, recoñecendo con humildade o que puidemos facer mal e o que talvez podiamos telo feito mellor. É necesario asumir o pasado para liberar o futuro das propias insatisfaccións, confusións ou proxeccións.
Os camiños da Igrexa en España convergen hoxe aquí onde a memoria e a intuición profética vertébranse coa tradición apostólica que fundamenta a nosa fe, recoñecendo que a cultura é a mesma vida cristiá tomando impulso en dirección á santidade. Aquí escóitanse os ecos das nosas Igrexas particulares a través dos seus Pastores, sucesores dos Apóstolos, chamados a dar testemuño da resurrección de Cristo con moitísimo valor (cf. Feit 4,33), sabendo que hai que obedecer a Deus antes que aos homes (cf Feit 5,29) porque a obediencia a Deus é sempre portadora de salvación. A responsabilidade pola verdade esixe da Igrexa un testemuño crible do contido da fe. “Cando se renuncia á distinción entre o que é verdadeiro e o que é falso, entón o espírito enferma” (Guardini). O testemuño do Apóstolo Santiago o Maior anímanos na misión evanxelizadora, como o manifestamos no documento: “Fieis ao envío misioneiro”.
Chegades como peregrinos da esperanza nunha civilización occidental coa alma mermada, onde xa xorden non poucas voces de pensadores fóra do cristianismo, que afirman que necesitamos a Cristo. Ciertamente só El dá a esperanza para que a vida non se vexa reducida á insignificancia, dando testemuño do Evanxeo da graza de Deus (Feit 20, 24), “tesouro que levamos en fráxiles vasos para que se vexa que unha forza tan extraordinaria é de Deus e non provén de nós” (2Cor 4,7). Como nos di San Paulo, “apértannos por todos os lados pero non nos esmagan; estamos apurados pero non desesperados; en toda ocasión e por todas partes levamos no corpo a morte de Xesús, para que tamén a vida de Xesús se manifeste no noso corpo” (2Cor 4,8-10). A nosa misión está fundada no misterio da cruz de Cristo. A palma do martirio acompáñanos sempre. Tamén hoxe o Señor nos pregunta: “Podedes beber o cáliz que eu hei de beber?” (Mt 20.22). Beber o seu cáliz é participar da súa mesma sorte. O Señor puido encomendarnos a misión sen sufrir dano ningún pero perdésemos fondura espiritual e El non tería ocasión de recordarnos: “Abóndache a miña graza: a forza realízase na debilidade” (2Cor 12,9). “Só coa luz e o consolo que proveñen do Evanxeo consegue o Bispo manter viva a esperanza e alimentala nos que foron confiados aos seus coidados de pastor (Pastores Gregis, 66)”, vivindo “a propia vocación á santidade no contexto das dificultades externas e internas, de debilidades propias e alleas, de imprevistos cotiáns, de problemas persoais e institucionais” (EiE 23). Soamente a forza espiritual da verdade de Cristo pode vencer a debilidade mental e moral que padecemos e axudarnos a recuperar a confianza para non ser triviais no discernimento. Con esta confianza non nos recluiremos para tratar de defendernos da realidade que nos rodea, sabendo que a Igrexa non debe afastarse do camiño de Cristo nin polo temor nin polo afago. “Hai unha greta en cada cousa. Así é como entra a luz”. Se queremos entender a realidade e entrar nela, é necesaria a conversión nun horizonte no que a vida humana estruturada á marxe de Deus, a deconstrución antropocéntrica que padecemos, e a irreligiosidade como despersonalización radical do ser racional na súa vinculación con Deus, son retos da conciencia cristiá e da misión mesma da Igrexa.
Neste ano Xubilar Compostelán, sentíndonos “peregrinos por graza aquí abaixo, cidadáns por graza alá arriba”, e camiñando xuntos damos grazas a Deus, sentíndonos tatuados nas chagas do Resucitado. A grandeza da vida segue en medio dos diversos aspectos da crise na que nos atopamos. É neste contexto onde habemos de fomentar o espírito creativo e celebrativo, pois a rutina deriva en crise porque o inmovilismo é insostible. Vivir na historia non é someterse á cultura dominante, é ter a capacidade de cuestionala e de tomar posición con esperanza, ignorando os ecos catastrofistas.
“Os camiños polos que cada un de nós e cada unha das nosas Igrexas particulares camiña son moitos pero non hai distancias entre os que están unidos pola única comuñón, a comuñón que cada día se nutre da mesa do Pan eucarístico e da Palabra de vida”. É providencia para espertar en nós a capacidade de ver o esencial no medio do urxente e transitorio.
Sr. Cardeal oferente, fago miñas as súas inquietudes e preocupacións manifestadas na ofrenda para presentalas ao Señor co patrocinio do apóstolo Santiago, o noso Patrón. Pedimos que sexa fortalecida a Igrexa, manténdose fiel a Cristo ata o final dos tempos e que a convivencia en España sexa dialogante, fraterna e comprensiva, sabendo que o propio de cada un ha de favorecer o ben común para os demais. Encomendámonos á nosa Nai Santa María. “Santo Apóstolo Santiago, fai que desde aquí resoe a esperanza”. Amén.