Encontro do arcebispo coa mocidade de Hakuna en Santiago

O arcebispo de Santiago de Compostela, monseñor Francisco Prieto, participou este luns pola tarde na Hora Santa organizada polo movemento católico Hakuna na Igrexa das Orfas na cidade compostelá.
Nunha meditación previa á Adoración ao Santísimo, o arcebispo fixo unha reflexión ao redor da Eucaristía e á Adoración. Aos mozos díxolles que que é o Señor quen convoca e chama a cada un polo seu nome, convidándoos a participar na Eucaristía. Destacou que o Señor nos chama a seguilo e contar con El, salientando a importancia de escoitalo co corazón, citando a San Agustín: “Non teñades o corazón nos oídos, senón os oídos no corazón”.
Mons. Francisco Prieto lembrou aos mozos que Deus chámanos na nosa vida cotiá, sen sacarnos da nosa realidade, mostrándonos o camiño sen ofrecernos paraísos perdidos nin utopías inalcanzables. Convidounos a ser discípulos do Señor, “a aprender e escoitar cun corazón sinxelo, deixando que Deus vos fale e sorprenda”.
Finalmente, o arcebispo animou aos mozos para ter valentía, confianza e esperanza, descansando xunto ao Señor e escoitándoo con atención.
Posteriormente, na Adoración eucarística houbo momentos de silencio, reflexión en torno ao Evanxeo e cancións que caracterizan as horas santas de Hakuna. Os sacerdotes, mentres tanto, estiveron dispoñibles para confesar. Unha vez realizada a bendición e a reserva do Santísimo, a celebración terminouse cun canto á Virxe.
Previous articleMons. Francisco Prieto preside o Comité Organizador dos Encontros Igrexa – Empresarios
Next articlePeregrinación Diocesana a Roma | Aberto o prazo de inscrición