Encontro de novos delegados e directores diocesanos de Obras Misionais Pontificias en Madrid

A semana pasada tivo lugar o encontro de formación dirixido a todos os delegados de misións e directores diocesanos de Obras Misionais Pontificias que foron recentemente nomeados, no que participou a delegada de Santiago, Fátima Noya.

Durante eses días (do 26 ao 28 de novembro), puideron coñecerse, compartir momentos, dúbidas, esperanzas e oración, así como tamén recibir unha primeira formación, especialmente deseñada para ter unha perspectiva completa e ampla do que significa unha delegación episcopal para as misións e a sede diocesana de Obras Misionais.

Todos os contidos presentados organizáronse en catro bloques: a dimensión da animación misioneira, a formación para a misión, a xestión dos fondos recadados para a misión e o coñecemento das diferentes institucións relacionadas de maneira íntima co mundo das misións.

No percorrido estiveron acompañados en todo momento por don José María Calderón, presidente de Obras Misionais Pontificias en España e secretario da Comisión Episcopal de Misións e Cooperación coas Igrexas. Tamén tiveron a oportunidade de compartir a mañá do mércores con don Joseba Segura, bispo de Bilbao e presidente da mesma comisión, quen os acompañou a visitar as instalacións da Conferencia Episcopal. Para finalizar o encontro, visitaron as oficinas de OMP España, onde coñeceron o persoal de todos os departamentos.

Delegación para as Misións

Previous articleEncuentro do Arcebispo de Santiago con Empresarios Galegos
Next articleO "fágase" de María, unha chamada á entrega, sinxeleza, fraternidade e esperanza