- O arcebispo de Santiago, Francisco José Prieto, presidiu o rito de admisión na igrexa parroquial de Santa María de Rubiáns.

Os dous aspirantes culminan así a etapa propedéutica e inician unha nova fase da súa formación, centrada xa nos estudos teolóxicos. Trátase do primeiro dos catro pasos previstos no itinerario cara á ordenación diaconal permanente: o rito de admisión, o lectorado, o acolitado e, finalmente, a ordenación como diáconos.
Segundo explicou Ignacio Delgado, diácono permanente da diocese compostelá, “os candidatos completaron un curso propedéutico e afrontan agora unha formación académica que terá unha duración mínima de tres anos, aínda que poderá prolongarse en función das circunstancias de cada aspirante”. Na diocese de Santiago hai actualmente sete diáconos permanentes ordenados e outras sete persoas máis en distintas fases de formación.
Unha xornada de convivencia para a familia diaconal de Galicia.
A celebración desenvolveuse dentro do encontro anual que reúne á familia diaconal das distintas dioceses galegas. A xornada congregou a 86 participantes, entre diáconos, familiares, sacerdotes acompañantes e persoas que se atopan en proceso de formación.
O encontro ten un marcado carácter de convivencia e permite que os membros das diferentes dioceses compartan unha xornada ao ano.

Santo Lorenzo, referente dunha vocación baseada no servizo.
A celebración adquiriu un significado especial ao coincidir coa festividade de santo Lourenzo, diácono e mártir. Na súa intervención, o arcebispo de Santiago situou precisamente o servizo no centro da vocación diaconal e lembrou a orixe deste ministerio na Igrexa nacente, cando os apóstolos elixiron a sete homes para atender as necesidades da comunidade.
Monseñor Francisco José Prieto subliñou que o servizo non constitúe unha tarefa secundaria, senón que forma parte da propia misión de Cristo. Neste sentido, presentou o diaconado como unha chamada a anunciar o Evanxeo e, ao mesmo tempo, a se achegaren a quen necesita axuda, escoitar, acompañar e atender especialmente aos máis vulnerables.

O arcebispo invitou aos dous novos candidatos a afrontar esta etapa non como a preparación para ocupar unha función, senón como un proceso de entrega persoal. A formación, sinalou, requirirá preparación, dispoñibilidade, madurez e responsabilidade, pero sobre todo un “corazón de servidor”.
A xornada concluíu cunha misa vespertina na parroquia da Xunqueira de Vilagarcía, prevista para as sete da tarde.






