Francisco José Prieto: “A presenza material da Igrexa en Compostela xustifica que participe na reflexión sobre cuestións que afectan á cidade.

  • Nun debate na RSEAPS, o arcebispo de Santiago mostrouse aberto a colaborar coa Administración ou empresas privadas para dar unha segunda vida a edificios da Igrexa para servizo dos cidadáns  
O arcebispo de Santiago, monseñor Francisco José Prieto Fernández, asegurou esta tarde que “a presenza material da Igrexa en Compostela, considerablemente maior que noutras cidades, fai que por unha banda os cidadáns sintan con maior intensidade, e por outra, xustifica de seu e fai xurdir para ela a oportunidade, pero tamén o reto e a responsabilidade, de poder participar nos procesos de reflexión sobre as cuestións que afectan ou interesan a Santiago”.
Palabras de monseñor Prieto na sexta e última mesa de debate deste ano -a última antes do descanso estival- do ciclo “Compostela 2023-2027. Presente e futuro”, organizado pola Real Sociedade Económica de Amigos do País da Cidade de Santiago (RSEAPS). O arcebispo, que titulou a súa intervención “Unha cidade de Deus, unha cidade dos homes”, referiuse tamén ao interese da Administración e as empresas privadas por abrir canles de colaboración para darlle unha segunda vida de servizo á cidadanía ao patrimonio inmobiliario da Igrexa compostelá. En canto a ese asunto, sinalou que “a reflexión que habería que abordar, sen dúbida, está relacionada cos custos de conservación, a depreciación por atoparse en mal estado e a falta de interese directo para as actividades da Igrexa”, polo que sentenciou que quizá todo iso “aconselle explorar esas vías de colaboración”.
Prieto afirmou tamén que “a Igrexa de Santiago é de longo a entidade que ten maior compromiso coas necesidades das persoas e as súas carencias, non só espirituais, senón afectivas, económicas, laborais, sociais e familiares” e, nese sentido, indicou que “talvez sería necesaria unha maior reafirmación pública da súa intención de ser a voz dos que non teñen voz”. Todo iso, segundo o arcebispo, dentro do amplo movemento da xustiza social, “do que forma parte por dereito propio a Doutrina Social da Igrexa e no que a sociedade no seu conxunto, e o Estado en particular, deben procurar o equilibrio e a equidade entre a poboación”.
Preservar a identidade cristiá do Camiño de Santiago
Ademais, o arcebispo falou sobre o debate público, “quizá das persoas máis implicadas coa Igrexa”, sobre a “necesidade de evitar a perda de identidade cristiá do Camiño de Santiago, cuxa identidade espiritual e relixiosa estamos convocados a preservar como un desafío e unha responsabilidade”. E apostou polo ecumenismo e o diálogo interrelixioso -a importancia da relixiosidade popular- como camiño de integración dos inmigrantes.
Nunha análise máis xenérica sobre a situación actual da sociedade, Prieto afirmou que “non estamos a vivir simplemente unha época de cambios, senón un cambio de época, con cambios socioeconómicos, tecnolóxicos e culturais, coa penetración dunha especie de deconstrucionismo, onde a liberdade humana pretende construílo todo desde cero”. Desde o seu punto de vista, iso leva a que só quede en pé “a necesidade de consumir sen límites e a acentuación de moitas formas de individualismo sen contidos, o enxame dixital e os desafíos da intelixencia artificial”. “Afrontamos”, dixo tamén, “os retos dun relativismo cultural e relixioso e un cambio antropolóxico de calado, polo que ante o ser humano que busca a verdade e o sentido da súa vida, a Igrexa axuda e propón ás persoas descubrir o sentido da súa propia existencia”.
Volver á política do servizo ao pobo e o ben común
Tras citar a Xoán Paulo II e a Bieito XVI nas súas viaxes a Santiago, para resaltar a importancia de Compostela como un dos centros da cristiandade (o primeiro), e ao servizo imprescindible ao home respondendo a súa pregunta por Deus (o segundo), o arcebispo fixo tamén unha referencia á situación actual no mundo: “Cando nos programas electorais a noción do ben común foi substituída pola de interese xeral -que en absoluto son sinónimos-, cando se cumpriron dous anos da guerra de Ucraína, a Terra Santa segue en dramático conflito e Europa parece cansada e deprimida; e cando o desenvolvemento da intelixencia artificial acelerouse e xera unha gran incerteza; é precisamente cando os católicos temos que comprometernos coa mellor política, esa que está verdadeiramente ao servizo do pobo, do ben común e da fraternidade”.
Monseñor Prieto foi presentado por Fernando Barros Fornos, ecónomo da Arquidiocese de Santiago de Compostela e secretario da RSEAPS, nun acto que encabezou o presidente da Real Sociedade, Francisco Loimil Garrido.

 

Previous articleRvdo. Sr. D. MANUEL JESÚS FORMOSO FERNÁNDEZ
Next articleConfirmacions en Noia