Carta Pastoral na Coresma de 2023

Subir a Xerusalén, escola para o discípulo

Queridos diocesanos:

Cando aínda oímos os ecos da clausura do Ano Santo Compostelán, a liturxia da Igrexa anímanos a vivir a Coresma como preparación á solemnidade da Pascua. “O retiro, dinos o Papa na súa Mensaxe, non é un fin en si mesmo, senón que nos prepara para vivir a paixón e a cruz con fe, esperanza e amor, para chegar á resurrección”[1]. Deus séguenos buscando para implicarnos no proxecto do seu Reino (Mc 1,16-24), chamándonos á conversión e a crer no Evanxeo. Como se nos lembraba no Ano Santo, habemos de saír da nosa terra como Abrahán porque Deus nos espera sempre alí onde quere que cheguemos. É posible que nos sintamos espiritualmente, como en terra estraña, estando sempre á defensiva. O pecado encérranos en nós mesmos pero pode abrirnos paradoxalmente ao amor e á misericordia de Deus que nos ve mellor do que nos vemos nós mesmos (Xn 8,1-11) e espera sempre cos brazos abertos o fillo que se foi da casa (Lc 15).

A Coresma, metáfora do paraíso perdido

A Coresma é o deserto, metáfora do paraíso perdido, no que labramos a nosa conversión, vencendo as tentacións. Nese ámbito habemos de revitalizar o don da nosa fe, avivar o desexo de Deus: “Oh Deus, ti es o meu Deus por ti madrugo; a miña alma está sedenta de ti, a miña carne ten ansia de ti, como terra reseca, agostada, sen auga” (Ps 62,2), gardar silencio que nos libere dos ruídos internos e externos, ofrecer a nosa dispoñibilidade para cumprir a vontade de Deus como fixo Xesús  tentado no deserto (Lc 4,1-13) e compartir a fatiga cotiá sostidos por unha esperanza fiable e cun espírito sinodal. “Podemos afirmar que o noso camiño coresmal é sinodal, porque o facemos xuntos pola mesma senda, discípulos do único Mestre. Isto axudaranos a comprender mellor a vontade de Deus e a nosa misión ao servizo do Reino”[2].

As raíces da nosa vida como comunidade cristiá son manterse unánimes e concordes cun mesmo amor e un mesmo sentir tendo os sentimentos propios de Cristo (cf. Fil 2,1-11). De maneira especial neste tempo coresmal anímovos a sentir a Igrexa cunha actitude agradecida pola transmisión do Evanxeo a través dela, sabendo que os seus problemas son os nosos; a sentir na Igrexa véndoa como un corpo cuxos membros están ao servizo de todo o corpo; e a sentir coa Igrexa non convertendo o noso criterio persoal en criterio absoluto e poñendo ao servizo dos demais os dons recibidos.

Lembremos que na misión non vai incluído o éxito, pero esta certeza non ha de levarnos nin á indiferenza nin á pasividade. “A ascese coresmal é un compromiso animado pola graza para superar as nosas faltas de fe e as nosas resistencias para seguir a Xesús no camiño da cruz”[3]. Non temos escusa para non dar froitos de santidade que glorifiquen a Deus. Hai que podar as ramas secas que impiden crecer a árbore da nosa vida. A vocación cristiá debe ser vivida sempre con alegría, mantendo as lámpadas acesas (cf. Mt 25,1-13) aínda que a espera se alongue. Esta actitude interpelará profeticamente e nunca defraudará.

Vivir a fraternidade

Deis Pai quere que nos sintamos irmáns e vivamos a fraternidade. Así o percibimos na parábola do fillo pródigo. É verdade que a volta do fillo menor é interesada: “Cantos xornaleiros do meu pai teñen abundancia de pan, mentres eu aquí morro de fame” (Lc 15, 17) e que o fillo maior acapara unha filiación que non é exclusivamente súa: “Mira en tantos anos como che sirvo, sen desobedecer nunca unha orde túa, a min nunca me deches un cabrito para ter un banquete cos meus amigos; en cambio cando veu ese fillo teu que se comeu os teus bens con malas mulleres, mátaslle o tenreiro cebado” (Lc 15,29-30), pero o Pai sae ao encontro dos dous aínda que non sabemos se o fillo maior participou na festa preparada con motivo de atopar o fillo menor.

24 Horas para o Señor

Neste camiño coresmal celebramos as 24 horas para o Señor, que terán lugar o venres 24 e o sábado 25 de marzo, lembrando as palabras de Xesús á pecadora perdoada: “Quedáronche perdoados os teus pecados” (Lc 7,48). Na adoración eucarística atopamos tamén o acougo propicio para celebrar o Sacramento da Reconciliación cuxa experiencia nos leva a ser misericordiosos cos demais. Pido que nas parroquias, nas comunidades relixiosas e nos nosos Seminarios se programen momentos de adoración ao Santísimo, lectura da Palabra de Deus e celebracións penitenciales no contexto desta celebración.

Dou grazas a Deus por todos vós que me posibilitastes realizar a misión que o Señor me encomendou como o voso Bispo, unhas veces indo diante, outras no medio e algunha vez tamén detrás. Bo camiño cara á Pascua! Saúdavos con afecto e bendí no Señor

+ Julián Barrio Barrio,
Arcebispo de Santiago de Compostela.

 

[1]FRANCISCO, Mensaxe para a Coresma 2023.

[2] Ibid.

[3] Ibid.

Previous articleO arcebispo de Santiago presidiu o funeral do primeiro aniversario polas vítimas dol pesqueiro Villa de Pitanxo
Next articleMons. Barrio: “A Coresma é o deserto no que labramos a nosa conversión”