Cáritas Diocesana inicia en Vilaboa a xestión do téxtil tras gañar un concurso público cun modelo de impacto social e ambiental

Cáritas Diocesana de Santiago, a través da súa empresa de inserción Arroupa Moda Re, comezou a prestar o servizo integral de recollida e xestión de residuos téxtiles no municipio de Vilaboa, tras resultar adxudicataria do concurso público convocado polo Concello. O proceso de licitación, reservado a entidades da economía social conforme á normativa vixente, resolveuse de forma transparente, valorando a proposta técnica, a cobertura ofrecida e o alto impacto social do modelo.

A presentación do servizo tivo lugar hoxe nun acto institucional en Vilaboa, coa participación de Pilar Farjas, directora de Cáritas Diocesana de Santiago; o alcalde do municipio, César Poza; e a concelleira de Servizos, María Canosa Otero. Durante o encontro detalláronse os compromisos adquiridos, a instalación e mantemento de oito contedores metálicos dotados da última tecnoloxía de localización e enchido, distribuídos polo municipio, e a recollida tamén do téxtil depositado no punto limpo.

“O Concello de Vilaboa entendeu que o residuo téxtil non é un problema, senón unha oportunidade para construír comunidade, protexer o medio ambiente e xerar emprego con sentido”, destacou Pilar Farjas. Que engadiu, “Este acordo exemplar permítenos seguir avanzando no noso compromiso coas persoas en situación de exclusión, ofrecendo traballo digno nun sector verde e emerxente. Facemos un chamamento a outros concellos galegos a seguir este camiño, apostando por modelos como o de Arroupa – Moda Re, que combinan eficacia, rastrexabilidade, ética e desenvolvemento local.”

Unha solución circular, social e con impacto directo no territorio

O modelo de xestión de Arroupa – Moda Re vai máis aló da recollida selectiva. Garante a reutilización, reciclaxe e rastrexabilidade total do téxtil, evitando a súa exportación descontrolada e asegurando que cada peza teña unha segunda vida útil ou un tratamento ambientalmente responsable. Todo o proceso realízase en Galicia, en centros propios de Cáritas, con emprego local e acompañamento personalizado.

Ademais, Arroupa mantén un firme compromiso coas redes reais de reutilización no territorio, canalizando parte da roupa recuperada a través das súas tendas con criterios de consumo responsable e mediante a entrega social gratuíta a persoas e familias vulnerables derivadas polos equipos de Cáritas. Así, cada peza recollida pode converterse nunha axuda directa para quen a necesita.

Todos os beneficios xerados reinvístense integramente en Galicia, en forma de emprego de inserción, programas de acompañamento e acción comunitaria. Non se externalizan procesos nin se reparten dividendos, polo que se constrúe unha cadea de valor ética, local e transformadora, que converte un residuo nunha oportunidade de inclusión e dignidade.

En 2024, Arroupa xestionou máis de 1.800 toneladas de roupa usada e ofreceu emprego directo a 39 persoas en situación de exclusión social. Coa incorporación de Vilaboa, alcanza xa 357 contedores en vía pública, ademais dos puntos de recollida en parroquias, locais solidarios, empresas e puntos limpos.

Un modelo público con retorno social

O servizo implantado en Vilaboa cumpre coa lexislación vixente, que obriga aos municipios para establecer a recollida separada de téxtiles, e faio a través dun contrato reservado a entidades que combinan eficiencia técnica con valor social. Arroupa, a empresa de inserción galega especializada en téxtil de Cáritas Diocesana de Santiago, forma parte da cooperativa estatal Moda Re, promovida por Cáritas Española, que agrupa a máis de 40 entidades sociais en todo o país.

Con esta alianza, o Concello de Vilaboa súmase a unha rede crecente de concellos galegos que utilizan a contratación pública como ferramenta de transformación, apostando por modelos sostibles que protexen o planeta e poñen as persoas no centro.

Un xesto tan sinxelo como depositar roupa usada nun colector pode converterse nunha cadea de oportunidades para o medio ambiente, para os que máis o necesitan e para o futuro de Galicia.

Previous articleA arte e a espiritualidade fúndense en San Martiño Pinario coa inauguración da exposición “Camiño” de Lola Doporto
Next articleO arcebispo de Santiago será entrevistado este domingo en Radio Vaticana