- O Consello rendeu unha homenaxe a monseñor Prieto Fernández pola súa toma de posesión da cátedra episcopal.
O Cosello de Caritas
O Consello de Cáritas Diocesana de Santiago de Compostela, presidido por monseñor Francisco José Prieto Fernández, arcebispo de Santiago, aprobou, entre outras cuestións, os estados contables do primeiro trimestre do ano que lanzan un saldo negativo; o regulamento para o funcionamento do comedor social de Cáritas Interparroquial de Arousa, e a venda dun piso na Coruña procedente dunha herdanza. O máximo organismo da entidade rendeu unha homenaxe a monseñor Prieto Fernández pola súa toma de posesión da cátedra episcopal. O director diocesano da institución, Anuncio Mouriño, fíxolle entrega dunha cuncha de vise, elaborada por un artesán, na que figura unha inscrición lembrando o día 3 de xuño de 2023, data na que iniciou o seu itinerario diocesano como pastor da Igrexa Compostelá.
Traballar xuntos
Despois dunhas palabras de agradecemento, o arcebispo pediu aos integrantes do Consello seguir traballando en unidade para axudar as persoas que máis o necesitan. Lembrou que a caridade é sempre o primeiro “porque sempre permanece”. Ao mesmo tempo demandou apoio e colaboración para poder desenvolver o mandato que se lle encomendou como pastor da Igrexa Compostelá.
Para o prelado é necesario ter esperanza no corazón para deste xeito dar o que necesitan as persoas que demandan algún tipo de axuda.
Informe económico
No informe económico do primeiro trimestre do ano sinálase que o gasto total deste período ascendeu a 1.423.653 euros e o ingreso a 984.848 euros, rexistrándose un saldo negativo. Estes resultados son provisionais xa que a data de peche estaban sen resolver convenios con concellos, deputacións e a administración autonómica, aspectos todos eles relacionados co sector público. Tamén hai que ter en conta as subvencións directas e privadas que polo momento non se contabilizaron.
O gasto total aumenta un 1% en comparación co trimestre do ano anterior e atópase realizado nun 87% do orzamento. O de persoal ascende un 6%, mantense moi axustado e a porcentaxe de realización é dun 91%. Os servizos aumentan un 11%
O ingreso total diminúe un 9% comparado ao mesmo período do ano anterior realizándose o 61% do orzamento. Respecto a as partidas principais de ingresos reflectir que os socios diminúen un 6%; as cotas dos usurarios aumentan un 28%; as colectas recuperan a tendencia de anos anteriores, e é rechamante a baixada dos donativos tanto respecto ao ano anterior como ao orzamento. As subvencións, convenios e doazóns de explotación tanto públicas como privadas non son un dato moi axustado nestas datas.
Cando se elaboraban estas contas coñecéronse varias herdanzas, non previstas no momento da confección do orzamento, que se espera poidan ser aceptadas proximamente e que poden alterar os resultados.
Comedor de Arousa
No Regulamento de Réxime Interno do Comedor de Arousa, que foi aprobado, sinálase que se trata dun centro no que se ofrece servizo de almorzo, comida e cea a persoas en risco de exclusión social e con necesidades de manutención. Conta con servizos complementarios: atención social, roupeiro, lavandería e hixiene
O comedor social ten como finalidade garantir unha alimentación variada, equilibrada, para aquelas persoas que teñan dificultades para elaborar a comida diaria porque carecen dun fogar ou dos medios necesarios para facela.
Outros temas
Foi aprobada a venda dun piso na Coruña procedente dunha herdanza deixada no seu día a Cáritas e cuxo monto económico será destinado a programas de axuda ás persoas máis necesitadas. Deuse conta de que se recibiron outras herdanzas e legados tanto materiais como económicos.
Informouse da inauguración do novo Albergue San Xavier de Pontevedra para persoas sen fogar, no transcurso dun acto que presidiu o arcebispo de Santiago. A directora de Cáritas Interparroquial de Pontevedra, Conchita Vázquez Val, agradeceu a todos a súa presenza en “un día tan importante para os que formamos a familia de Cáritas”.
Foron entregadas as obras de Vilagarcía onde se situará a nova sede de Cáritas Interparroquial de Arousa e estase pendente dunha data para a súa inauguración oficial.
O Consello, finalmente, felicitou a Jesús García Vázquez, delegado episcopal, por cumprir recentemente as vodas de diamante no exercicio sacerdotal