- O acordo permitirá destinar a casa reitoral a servizos sociais para persoas maiores.
- Fernando Barros Fornos e José Manuel Mato Martínez rubricaron o convenio este venres.
- O inmoble manterá espazos reservados para a actividade parroquial.
O Arcebispado de Santiago de Compostela e o Concello de Ponteceso asinaron este venres un convenio de colaboración que permitirá habilitar a antiga casa reitoral de Santo Adrián de Corme como centro social e Casa do Maior para persoas maiores. O acordo foi subscribido polo ecónomo diocesano, Fernando Barros Fornos, en representación da Arquidiocese, e polo alcalde de Ponteceso, José Manuel Mato Martínez, en nome da administración local.
O convenio establece a utilización das instalacións da reitoral para fins sociais e asistenciais, co obxectivo de dotar á localidade dun novo recurso para a atención da poboación de maior idade.
A iniciativa xorde da vontade compartida de ambas as institucións de poñer en valor un inmoble de relevancia para a comunidade e darlle un uso compatible coas necesidades actuais do municipio e a parroquia.
A colaboración terá unha duración inicial de dez anos, con posibilidade de prórrogas automáticas anuais se ningunha das partes comunica a súa vontade de extinguir o acordo.
Coa firma deste convenio, Arcebispado e Concello reforzan a súa colaboración institucional para promover novos servizos de carácter social en Corme, á vez que garanten a conservación e o aproveitamento dun inmoble estreitamente vinculado á historia e á vida parroquial da localidade.












