A Diocese de Santiago acolle novos catecúmenos no seu camiño cara ao Bautismo

  • A celebración diocesana tivo lugar este domingo, 11 de xaneiro, na Casa de Exercicios Espirituais
  • O arcebispo mons. Francisco José Prieto presidiu o rito coincidindo coa festa do Bautismo do Señor
  • Familiares, padriños, catequistas e párrocos acompañaron os adultos neste primeiro paso de fe
A diocese compostelá celebrou este domingo, 11 de xaneiro de 2026, a Celebración Diocesana de Acollida dos Catecúmenos e o Rito de Admisión e Entrada no Catecumenado, un acto que marca o inicio oficial do itinerario de iniciación cristiá de adultos non bautizados. A celebración tivo lugar ás 17.00 horas na Casa de Exercicios Espirituais de Santiago, no marco da festa litúrxica do Bautismo do Señor, unha data cargada de simbolismo pola súa vinculación directa coa preparación ao Bautismo.
A Eucaristía estivo presidida polo arcebispo de Santiago, mons. Francisco José Prieto Fernández, e contou coa participación do delegado de Catequese e Catecumenado, Miguel López Varela; membros do equipo de Catecumenado da Diocese, entre eles Nacho Delgado como diácono e Lorena Vilas como catequista; así como de familiares, padriños, catequistas e párrocos dos catecúmenos, reflexo do acompañamento comunitario que caracteriza este proceso.
Un comezo marcado pola acollida
O rito celebrado supón o paso formal á etapa do catecumenado, un tempo de formación e discernimento no que os adultos que descubriron a fe en Xesucristo se preparan para recibir o Bautismo, a Confirmación e a Eucaristía.

Durante a celebración, a Igrexa diocesana acolleu publicamente os candidatos, recoñecendo o seu desexo de iniciar un camiño de fe que non se vive en soidade, senón dentro da comunidade cristiá. A presenza de padriños, catequistas e familiares subliñou ese carácter eclesial do proceso.

Chamados e amados

O arcebispo centrou a súa homilía no sentido profundo do Bautismo do Señor e na experiencia de ser chamados por Deus. Partindo da pasaxe evanxélica do Xordán, lembrou que a “xustiza de Deus é misericordia” e que no Bautismo se manifesta un Deus que se achega á fraxilidade humana para ofrecer vida e salvación.

Dirixíndose especialmente aos catecúmenos, mons. Prieto subliñou que o camiño que agora comezan é ante todo un don: “Sodes fillos e fillas amados de Deus”, afirmou, convidándoos a acoller este tempo como unha graza e a aprender a ler a súa propia historia á luz desa chamada.

O arcebispo insistiu en que o catecumenado non é unha simple aprendizaxe teórica, senón un proceso vital para descubrir a acción de Deus na propia existencia. “Deus non forza a resposta”, sinalou, lembrando que a fe nace dunha resposta libre, acompañada pola Igrexa, que escoita, discerne e camiña xunto a cada persoa.

Un camiño progresivo de fe

A celebración deste domingo marca o inicio dunha etapa que se prolongará, polo menos, durante dous anos litúrxicos. Neste tempo, os catecúmenos percorrerán un itinerario de fe e vida cristiá no seo das súas comunidades, acompañados por catequistas e padriños, con celebracións progresivas que inclúen liturxias da Palabra, bendicións, escrutinios e ritos de entrega do Credo e do Noso Pai.

Tras o catecumenado, chegará a etapa chamada de “purificación e iluminación”, que coincide coa Coresma do segundo ano e prepara de maneira máis intensa para a recepción dos sacramentos, habitualmente na Vixilia Pascual ou durante o tempo de Pascua. A esta seguiralle a mistagoxía, tempo no que os novos cristiáns afondan na experiencia recentemente iniciada e no significado dos misterios celebrados, integrándose plenamente na vida parroquial.

A Igrexa que acompaña

Un dos acentos reiterados ao longo da celebración foi o do acompañamento. O rito de admisión e entrada non só dá comezo a un proceso persoal, senón que compromete a toda a comunidade cristiá a camiñar xunto a quen inicia este percorrido.

O delegado de Catequese e Catecumenado, Miguel López, lembrou, ao comezo dos encontros posteriores ao rito, que este tempo é unha etapa para aprender a escoitar a Deus, a recoñecer a súa voz nos acontecementos e nas persoas, e a vivir a fe sen présas nin esixencias atafegantes, coa confianza posta naquel que chama.

E a partir de agora, que?

O Rito de Ingreso (ou Admisión ou aceptación) ao Catecumenado marca o inicio formal da segunda etapa do camiño de fe dos adultos que desexan ser bautizados e recibir os restantes sacramentos da Iniciación Cristiá da confirmación e a Eucaristía. Con el acóllense aos candidatos como parte da familia eclesial e marca o comezo da preparación máis sistemática ou regrada dos catecúmenos. Trátase dun momento importante para os candidatos no que confirman o seu desexo de seguir a Cristo.

O período formativo do catecumenado, que agora inician, prolongarase polo menos durante dous anos litúrxicos. Desta maneira, o catecúmeno, acompañado polos seus párrocos, padriños e catequistas e seguindo o camiño de fe e vida cristiá da comunidade eclesial, e axudado polo seu catequistas e o exemplo e testemuño dos seus, coñeza a fe católica e aprenda a vivir a vida cristiá.

A terceira etapa, sucesiva ao “catecumenado” e chamada de “purificación e iluminación”, coincide coa Coresma do segundo ano. Neste período, os catecúmenos prepáranse intensamente para celebrar os tres sacramentos da iniciación cristiá na Vixilia pascual ou durante o tempo de Pascua, e cos que se fará cristián.

A esta seguiralle unha cuarta e última etapa, chamada da “Mistagoxía”. Un tempo no que se vive a recentemente estreada experiencia de ser cristiáns cos membros da comunidade parroquial e profúndase no significado vital dos misterios celebrados. Coincide co tempo litúrxico da pascua de Resurrección.

Ao longo destas tres etapas de preparación para o Bautismo, a Confirmación e a plena participación na Eucaristía, os catecúmenos irán celebrando progresivamente diversos ritos e celebracións, tanto nas súas parroquias ou comunidades de orixe como na Catedral compostelá. Entre eles atópanse as celebracións da Palabra, os exorcismos, as bendicións, os escrutinios e os ritos de entrega do Credo e do Noso Pai.

Un xesto con forte carga simbólica

A coincidencia do acto coa festa do Bautismo do Señor outorgou á celebración un significado especial. Nese contexto, a Igrexa compostelá puxo en primeiro plano a experiencia dun Deus que se achega, chama polo nome e abre un camiño novo.

Con este rito, a diocese de Santiago abre simbólicamente as súas portas a quen desexa formar parte da comunidade cristiá, convidándoos a iniciar un itinerario que os conducirá, paso a paso, á plena incorporación á vida da Igrexia.

 

Previous articleMons. Francisco Prieto invita a vivir un bautismo que se fai compromiso cristiano
Next articleXornadas sacerdotais 2026