Xubileu do Arciprestado de Lérez

A parroquia de San Xosé de Pontevedra converteuse este luns, 8 de decembro, no epicentro espiritual do Arciprestado do Lérez coa celebración do Xubileu, unha cita que reuniu a numerosos fieis nunha xornada marcada polo recollemento, a reconciliación e a esperanza.

O templo abriu as súas portas para acoller unha ampla quenda de confesións. Varios sacerdotes do arciprestado se turnaron na atención aos fieis que, aproveitando a ocasión xubilar, achegáronse ao sacramento da reconciliación co desexo de obter as grazas propias deste tempo especial da Igrexa. O ambiente, sereno e silencioso, convidaba á reflexión persoal nunha xornada que coincidía coa solemnidade da Inmaculada Concepción.

O momento central da celebración chegou coa solemne Eucaristía, presidida polo arcebispo de Santiago de Compostela, monseñor Francisco José Prieto Fernández, quen estivo acompañado por sacerdotes do arciprestado. A igrexa de San Xosé presentou unha notable afluencia de fieis, reflexo da importancia que este Xubileu tivo para a comunidade cristiá da zona.

Durante a súa homilía, o arcebispo ofreceu unha profunda reflexión sobre a historia da salvación, a misericordia de Deus e o papel de María como modelo de fe e esperanza. A partir do relato da Xénese,

O prelado destacou que ese mesmo Deus que pregunta ao ser humano polo seu paradoiro é o que, ao longo da historia, non deixou de tender a man mesmo no medio da fraxilidade, o pecado e as feridas. Nesa clave situou o sentido do Xubileu como un tempo de graza no que Deus “sae á nosa porta” para ofrecernos a posibilidade da reconciliación e dun novo comezo.

A homilía avanzou desde as orixes da humanidade ata o anuncio do anxo a María, nun percorrido teolóxico que quixo mostrar a continuidade entre a promesa e o seu cumprimento. Fronte ao “non” de Adán e Eva, o arcebispo destacou o “si” de María como a resposta confiada que abre de novo as portas da salvación. Nese contexto, lembrou que a primeira palabra do anxo non é de xuízo, senón de alegría: “Alégrate”.

Monseñor Prieto Fernández destacou que a esperanza cristiá non nace do éxito nin dos logros humanos, senón da confianza nun Deus que non abandona, que vai contracorrente e que transforma mesmo as historias máis rotas. Subliñou que “non hai pecado que non se vexa desbordado por unha promesa de salvación” e que ningún sufrimento queda fóra do alcance da misericordia divina.

O arcebispo convidou a vivir o Xubileu como unha verdadeira experiencia de fe afirmando que “Deus sae á nosa porta”, unha imaxe sinxela que sintetiza o núcleo da súa mensaxe: un Deus que toma a iniciativa, que busca ao ser humano mesmo cando este se esconde por medo ou vergoña.

O prelado animou tamén aos fieis para responder como María, con dispoñibilidade e confianza, aínda nun mundo ferido pola incerteza, o cansazo e a polarización. Nese “fágase” —dixo— caben a reconciliación, o perdón, a oración, a fraternidade, o acompañamento na dor e a solidariedade concreta cos máis fráxiles.

A celebración concluíu cunha chamada clara a ser testemuñas da esperanza na vida cotiá. O arcebispo exhortou aos presentes para converterse en “fermento na masa”, “sal que dá sabor” e “luz que disipa as sombras”, levando aos seus fogares, traballos e comunidades o espírito do Xubileu vivido en San Xosé.

Con esta celebración, o Arciprestado do Lérez quixo renovar o seu compromiso cristián nun tempo especialmente significativo para a Igrexa, marcado pola chamada á conversión, a misericordia e a esperanza.

Previous articleConfirmacións en Poio
Next articlePontevedra abre un Ano Xubilar histórico co centro no Inmaculado Corazón de María no centenario das aparicións