Primeira reunión para a aprobación dos estatutos e posta en marcha do Seminario Maior Interdiocesano

O arcebispado de Santiago de Compostela acolleu hoxe venres a primeira reunión dos responsables do futuro Seminario Maior Interdiocesano (SMI), que serviu para preparar, aprobar os estatutos e programar a posta en marcha deste novo centro formativo dos futuros sacerdotes das Dioceses de Santiago, Mondoñedo-Ferrol e Tui-Vigo.

Participaron no encontro o arcebispo de Santiago de Compostela, monseñor Francisco Prieto; o bispo da diocese de Mondoñedo-Ferrol, monseñor Fernando García; o bispo da diocese de Tui-Vigo, monseñor Luis Quinteiro, e o bispo electo, monseñor Antonio Valín; así como o futuro equipo formativo, integrado polos sacerdotes José Antonio Castro (Santiago), Juan Manuel Basoa (Mondoñedo-Ferrol) e Ángel Carniceiro (Tui-Vigo), así como o secretario da Provincia Eclesiástica de Santiago, o sacerdote José Andrés Fernández Farto.

Foi o pasado 15 de maio cando, a través dunha nota conxunta, os bispos destas tres dioceses galegas anunciaron a posta en marcha dun Seminario Maior Interdiocesano (SMI) con sede en Santiago, «co fin de orientar a formación dos seminaristas nunha comuñón de criterios entre as diversas dioceses, contando coas circunstancias de tempo e lugar nas que vivimos».

Previous articleMons. Prieto aos novos diáconos: “Tende sempre palabras e xestos significativos que falen en vós do corazón do Evanxeo”
Next articleO arcebispo de Santiago, mons. Prieto, recibe os nenos e mozos scouts