Presentación do libro: “A nova igrexa parroquial de San Xenxo de Padriñán. Historia e ser dun soño feito realidade”

Este mércores 26 de xullo, ás 20:30 horas, no Novo Templo, Sanxenxo, tivo lugar a presentación do libro. “A nova igrexa parroquial de Sanxenxo de Padriñán. Historia e ser dun soño feito realidade”.

No libro relátase o tesón do párroco Ramón Somoza por sacar adiante o proxecto no seu momento, e polo que chegou a ser tachado de tolo por propoñer un edificio que que albergase 800 persoas sentadas tras detectar que o atractivo turístico do municipio xa nos anos 60 imposibilitaba dar cabida na pequena capela a todas as persoas que ían ás celebracións litúrxicas durante o verán. O proxecto asinado polo madrileño Gaspar Robles Echenique, veraneante do municipio, foi aprobado en 1965 e terminado en 1976.

Ao longo das súas 246 páxinas faise un percorrido desde a idea dunha nova edificación ata o proceso final de construción, así como polas persoas claves no proxecto como o párroco Ramón Somoza; o actor que cedeu parte do seu solar, Manuel Morán; o arquitecto Gaspar Robles Echenique e o mentor e cóengo amigo de Ramón Somoza, Alejandro Barral Iglesias.

Presidiu o acto mons. Francisco José Prieto Fernández, Arcebispo de Santiago de Compostela, acompañado de mons. Julián Barrio Barrio, Arcebispo emérito de Santiago de Compostela, de mons. Julio Grella Díaz, Bispo emérito de San Pedro de Riobamba, Ecuador e do Conselleiro de Cultura e educación Román Rodríguez.

Interviñeron tamén os autores D. José Manuel Abel Expósito, D. Isidoro Sabell Salgués, D. Xulio Gil Rodríguez e D. José Manuel García Iglesias, que reflectiron os distintos episodios que permitiron a construción do templo.

Previous articleEncontro do arcebispo de Santiago cos alfombristas que decoraron a praza de San Martiño
Next articleEncontro do arcebispo de Santiago coa mocidade da JMJ en Aveiro