Presentación do libro "33 miradas do Papa Francisco. Os anos decisivos", de Juan Vicente Boo

A Librería San Paulo, situada na Rúa do Vilar de Santiago de Compostela, foi o escenario este mércores 21 de maio da presentación do libro 33 miradas do Papa Francisco. Os anos decisivos, de Juan Vicente Boo. O acto, organizado conxuntamente pola Editorial San Pablo e a propia librería, reuniu a numerosos asistentes interesados na figura do pontífice arxentino e o legado que deixa tras o seu recente falecemento.
A presentación contou coa participación do arcebispo de Santiago de Compostela, monseñor Francisco José Prieto; o autor da obra, Juan Vicente Boo; e o director editorial de San Pablo, Rafael Espino. A xornalista Paula Paxaro, de COPE, foi a encargada de moderar o encontro.
Rafael Espino abriu a presentación agradecendo a presenza dos asistentes e puxo en valor tanto a figura do autor como a oportunidade de reflexionar sobre o pontificado de Francisco. Espino definiu a obra como unha invitación para “mirar a esa mirada profunda de xestos pequenos ou grandes” dunha figura “clave para entender a Igrexa de hoxe”. Lembrou a ampla traxectoria de Boo como correspondente do diario ABC, a súa proximidade co Vaticano durante máis de dúas décadas e as súas viaxes cos tres últimos papas en máis de 60 ocasións.
Pola súa banda, Monseñor Francisco Prieto destacou a dimensión espiritual e humana do pontífice. A través do ensino do concilio Vaticano II —en especial, da constitución Dei Verbum—, reflexionou sobre como se manifesta o divino nos xestos e palabras, e como o Papa Francisco encarnou esta realidade. Compartiu a súa experiencia persoal de proximidade co Papa nos seus anos como bispo, resaltando tres xestos que o impresionaron especialmente: como “te miraba”, “apertaba con forza a man” e “coñecíate”.
Rememorou con especial emoción a conversación que mantiveron en xuño de 2023, cando recibiu o palio arzobispal: “o Papa Francisco sabía máis do que eu pensaba sobre min mesmo e sobre certas realidades”. Unha experiencia que, dixo, conmoveume profundamente, vindo de alguén con toda a Igrexa Universal no corazón.
O arcebispo tamén situou o acto nun contexto de especial significado: “Xusto hai un mes morría o Papa Francisco”. E engadiu que a Igrexa viviu desde entón unhas “semanas intensas, semanas de recordo, de memoria”, que culminaron coa elección do Papa León. Mons. Prieto valorou a continuidade e o cambio que esta transición representa, e subliñou o papel da Praza de San Pedro como un lugar simbólico de encontro e apertura ao mundo.
Pola súa banda, Juan Vicente Boo agradeceu a acollida e destacou a importancia de entender o cristianismo na súa dimensión histórica, desde as súas raíces ata a actualidade. Neste contexto sitúase 33 miradas do Papa Francisco, unha obra que —como explicou— ofrece unha lectura temática do pontificado do Papa arxentino, abordando seis grandes áreas: mulleres, familia humana, hostilidade, espiritualidade, futuro e sinodalidad.
Boo destacou como o Papa Francisco tomou como compás os principios do aggiornamento e o ressourcement, conceptos craves do posconcilio, para orientar a renovación de la Iglesia. Sinalou que a obra é complementaria ao seu libro anterior, 33 claves do Papa Francisco, cun enfoque máis centrado agora nos desafíos e decisións que marcaron o seu pontificado.
O autor subliñou tamén os catro grandes documentos do pontificado: Evangelii Gaudium, Laudato Se’, Fratelli Tutti e Dilexit Nos, sendo esta última —e en especial o seu apartado “A mirada”— unha das inspiracións do libro.
Previous articleA colaboración entre la Xunta e as dioceses permitiu que no 2024 máis de 12.600 persoas galegas do exterior conseguiran documentación sobre a súa orixe familiar
Next articleCáritas Diocesana de Santiago reforza o seu compromiso social con resultados positivos e un novo protocolo de emerxencias